En apoio da gandería de montaña

OS INGRESOS procedentes da agricultura na maior parte das zonas de montaña de Lugo e Ourense redúcense case en exclusiva aos obtidos da gandería, que son complementados cos dalgunha venda de madeira e cos salarios obtidos en traballos realizados nos montes.

En toda esta ampla zona de montaña de Lugo e Ourense, á que se pode sumar a limítrofe de Pontevedra coa excepción da comarca do Deza, na que hai unha importante produción de leite e de porcino, a base da gandería está constituída polas vacas de carne, ás que se engaden ovellas e cabras en boa parte de Ourense.

Estamos ante unha agricultura que tivo unha forte regresión nas últimas cinco décadas. Afectou primeiro ás explotacións máis pequenas, emigrando os seus titulares a Europa, a outras zonas de España ou ás cidades galegas entre as décadas dos sesenta aos oitenta. Pero nas últimas dúas décadas ampliouse tamén a outras explotacións de maior tamaño que podían ter un futuro na agricultura si tiveran existido unhas medidas de apoio ao aumento da superficie das súas explotacións mediante o arrendamento utilizando terras que ían quedando abandonadas.

Deste xeito o proceso de abandono seguiu avanzando ata chegar á situación actual, cun número reducido delas en actividade, non chegando en ningún dos municipios de montaña a haber 2 explotacións con gando por quilómetro cadrado. Ademais gran parte delas están nunha situación delicada. Segundo os estudos de detalle realizados nalgúns municipios de Ourense tan só un 10% destas explotacións obteñen un nivel de ingresos básico para as súas necesidades familiares, mentres que outra metade están nunha situación marxinal. Por conseguinte esta situación pode agravarse de modo considerable a medio prazo se non se establecen unhas medidas básicas de apoio.

Esta regresión da gandería non afecta só aos intereses privados dos seus titulares, senón que tamén ten uns efectos públicos. Os resultados quedan reflectidos no territorio, coa perda da paisaxe tradicional. Hai ademais outra vertente adicional, posto que este abandono do territorio resulta nunha maior vulnerabilidade aos incendios, como se reflicte na elevada concentración destes sinistros nas zonas máis abandonadas e con menos actividade gandeira.

Precisamente os efectos negativos desta regresión da gandería no estado dos recursos naturais son a base das medidas que comezaron a tomarse noutros países e tamén nalgunhas comunidades autónomas como Asturias no apoio da gandería de montaña para compensar os beneficios que xeran para o conxunto da sociedade e que os seus titulares non ven recompensados no prezo de venda dos seus produtos. Pola contra, en Galicia son moi limitadas estas medidas de apoio. Non deixa de ser curioso que quedemos por detrás doutras comunidades no recoñecemento deste papel da gandería na redución da vulnerabilidade deste territorio aos incendios, e que estean sen incorporar estas medidas de apoio á actividade gandeira nos programas de prevención de incendios, como por exemplo acaba de facer a comunidade de Madrid.

Comentarios