domingo. 17.11.2019 |
El tiempo
domingo. 17.11.2019
El tiempo

Emma Pedreira: "O día que non sinta nervios será o que deixe este oficio"

Emma Pedreira, escritora gañadora do Certame Literario de Vilalba
Emma Pedreira, escritora gañadora do Certame Literario de Vilalba
Na nova edición do Certame Literario que convocou o Concello de Vilalba con récord de concorrencia, ao presentárense 56 orixinais, a escritora coruñesa fíxose co voto unánime do xurado co seu 'Antídoto'. O premio recollerao o vindeiro día 30, coincidindo coas festas de San Ramón e Santa María

LICENCIADA EN Filoloxía Hispánica e funcionaria de profesión, Emma Pedreira (1978) ten unha dilatada carreira literaria na que os premios son unha constante. Na lista figuran o Johán Carballeira, Bouza Brey, Fiz Vergara Vilariño ou Gonzalo López Abrente, e dende agora tamén o Certame Literario do Concello de Vilalba.

Como foi recibir esa chamada na que lle din que gañou o Certame Literario de Vilalba?
Non contas. Non pensaba nin en que tivese un 10% de posibilidades, presenteime no último momento e da peor forma posible, por correo electrónico, que non sabes nin se chega. Case o daba por perdido, nin lembraba terme presentado así que aínda estou aterrando e vendo a repercusión que tivo nas redes, que é a parte máis bonita.

Que a levou a participar?
Este é un premio vello, ten máis anos ca min, cunha nómina moi solvente, pero quizais era moi local. Agora está nun proceso de apertura, cunha maior publicidade das bases nas últimas edicións. Creo que é bo que un premio con tanta traxectoria trate de ser un dos grandes, non só pola dotación, tamén polo espírito. Para os autores é un faro, ver a luz ao final do túnel da crise literaria.

O premio inclúe publicar a obra, o que para moitos é máis importante que os cartos. É desa idea?
Si, os cartos están ben e o público mide a categoría do premio pola contía, pero os cartos vanse e ter a obra publicada nunha boa editorial e cunha boa distribución é o que eu miro. Alvarellos é un selo potente co que aínda non publiquei e apetecíame facelo. Ata onte (polo luns) non sabía ben nin a contía do premio, pero si que ía publicar con Alvarellos e iso é un soño cumprido. Xa me quixen presentar o ano pasado, pero non tiña obra. Este saquei este libro do lugar onde o tiña agochado. Non é actual, levo traballando nel bastante tempo, pensando onde podía encaixar.

Contra que é o 'Antídoto'?
Contra os prexuízos humanos a non ficar sós. Fala da soidade que non escolles, porque os seres que temos ao redor nos van deixando e non estamos preparados para iso, porque somos egoístas. É unha especie de diario dunha separación de parella, cunha segunda parte chamada Dúas veces na mesma pedra, que fala de como volvemos tropezar no mesmo. Falo de como cando chega esa soidade podemos aproveitala para laiar ou para definir ese 50% que queda eclipsado nunha relación e refacernos.

Suma unha longa lista de premios, que lle achegan?
Nun sistema literario tan microcósmico como é o galego, ou entras na elíptica da publicación pola porta da editorial ou pola dos premios. Eu empecei noviña polos premios e sigo nesa continuidade. Son unha sobrevivinte dos premios literarios e para min son unha referencia, a única xustiza que existe para os autores noveis, porque as editoriais non sempre abren as portas. Son unha maneira de ver que cren en ti, e para min, os que manteñen con vida o noso sistema literario.

Lembra cal foi o seu primeiro premio? Cal foi a sensación?
Foron tres poemas nun instituto de Carballo. Tiña 17 anos e o premio eran 15.000 pesetas. Poder ler en público os meus poemas, velos impresos nunha revista, foi unha sensación que aínda teño gravada. De liberdade, de fe, de empoderamento. Axuda a crer no que fas.

"Eu teño un traballo alimenticio, pero o meu oficio é este, cando me preguntan sempre digo que son escritora"


Esa sensación mantense no tempo ou evolucionou?
Evoluciona, pero o día que non sinta nervios e que xa non me emocione será o que deixe este oficio. Levo 20 anos e sigo quedando abraiada, gústame esa sensación de nervios. No pasado teño ido a actos e non poder entrar, pero agora disfruto. Póñome nerviosa e sigo tendo a mesma sensación de fe na palabra e na escrita.

Escribe sempre en galego, decisión consciente ou proceso natural?
As dúas cousas, é natural porque é a miña lingua, na que penso, falo, me queixo... E tamén é un compromiso co lugar no que nacín, no que me criei, e é unha bandeira porque estamos nun momento perigoso, no que os galegofalantes temos que apostar polo noso idioma.

É funcionaria, non se pode vivir de escribir?
Non, disto non podes vivir. Só algúns escollidos e cun gran sacrificio, porque son moitas viaxes, promocións... Eu teño un traballo alimenticio, pero o meu oficio é este, cando me preguntan sempre digo que son escritora.

Emma Pedreira: "O día que non sinta nervios será o que deixe este...
Comentarios