A emigración dos mozos

A falta de traballo está forzando á emigración dun número crecente de mozos nos últimos anos. Buscan as oportunidades de traballo e de condicións de vida que aquí se lles están negando pola crise. Nalgúns casos lógrano e noutros antes de regresar apuran ata o límite que poden esa busca de traballo, que está sendo difícil porque as condicións de traballo noutros Países tamén se deterioraron de modo considerable.

Esta situación é denunciada polo colectivo Marea Granate, denominado así por ser a cor do pasaporte, que está formado por mozos que se viron forzados a esta emigración. Teñen un lema ben expresivo desta situación: ‘NoNosVamosNosEchan’ e realizan accións de denuncia desta situación e tamén prestan apoio aos recen chegados.

O volume desta emigración só se coñece de modo aproximado. A fonte máis utilizada do Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro (PERE) só inclúe a aqueles que se inscribiron nos consulados e ademais non distingue estas saídas das dos emigrantes retornados aos seus países de orixe que adquiriran a nacionalidade española. No último ano o número dos inscritos neste Padrón aumentou nuns 114 mil, dos que uns 70 mil non naceran en España. Por iso a cifra restante duns 44 mil quizais se poida tomar como un indicativo desta emigración, tanto polo seu destino maioritario a outros Países europeos como pola súa idade máis nova.

Esta emigración ocasionada pola falta de oportunidades de traballo ademais de ser un problema para os mozos que se ven forzados a realizala, é tamén un fracaso para o país. Supón unha perda de poboación nova nunha sociedade cun crecente nivel de envellecemento e tamén en moitos casos de persoal formado e posuidor de titulacións universitarias, en gran parte pagadas con recursos públicos, que agora van ser aproveitados por outros países. Segundo un informe realizado en Asturias hai uns anos o custo de formación dun titulado universitario ascende de media a uns 54 mil euros, sendo menor nas ciencias sociais e máis elevado nas enxeñerías e sobre todo en Medicina. Máis das tres cuartas partes deste custo son recursos públicos que coa emigración poden non reverter no país.

Sería unha traxedia que esta situación se prolongara no tempo e que perdamos a unha parte dos nosos mozos máis dinámicos e mellor formados, como por desgraza ocorreu no seu momento en países como Arxentina, Uruguai e Chile, nuns casos por razóns políticas ocasionadas polas ditaduras e noutros pola crise económica a comezos da pasada década.

Comentarios