Elton fóra de ton

Como dixo Luther King: “Esta noite tiven un soño”, ou debería dicir un pesadelo? Na miña curtametraxe, dirixida por Morfeo, chegaba eu á casa, prendía o computador e o navegador Firefox anunciábame que non tiña conexión. Logo de varios reinícios decidía chamar ao meu provedor de internet para protestar polo defectuoso do servizo. Unha voz metálica e impersoal informábame de que aquel número non existía. Incidido pola xenreira comecei a tolear dando voltas no meu despacho, tratando de solucionar tal desfeita. Meu artigo de xeracion.com agardaba na bandexa de saída do meu correo electrónico o momento de ser enviado, non o podía crer.

Abrín a miña mochila , collín o xornal que na súa portada anunciaba: “A ONU e a ICANN ordenan o feche da arañeira polos próximos 5 anos”. Lendo polo miúdo descubrín que a medida fora provocada polas constantes queixas e presións dos lobbys de creadores de contidos fartos da impunidade das redes “P2P” que levaban anos provocando as caídas en picado dos PIB nos países do primeiro mundo. Por suposto, a prohibición só afectaba aos usuarios particulares. Comecei a suar en frío, pensei que aquilo era un estado de excepción “de facto” e decidín comezar a borrar todos os meus MP3, AVI, e demais trapallada cultural. Botei os ferrollos da casa pensando na lei Corcuera, aquela da patada na porta, xusto no momento en que comezou a soar o timbre con alarmante insistencia.

Acordei na cama mollado en suor, prendín o portátil e o buscador de Google puxo fin ao pesadelo, nada daquilo sucedera. Abrín a páxina dun xornal online e descubrín que Elton John declarábase contrario aos avances tecnolóxicos e desexaba a desaparición da world wide web culpándoa do descenso nas vendas dos seus discos, especialmente o último que non pasaba das 100.000 copias vendidas. Incríbel!

Supoño que as calores do verán fan tolear ao máis razoábel, xuíces e valedores do pobo incluídos, mais ese feito non os debe exculpar fronte a unha sociedade que esixe, cada día, máis liberdade fronte aos privatizadores da cultura, a lingua e a liberdade de expresión. Restrinxir, prohibir, coaccionar para perpetuar os “chiringuitos”. Alguén debería sopesar o secuestro do dereito á liberdade de expresión daqueles que nos queren limitar a liberdade.

O señor John, Sir Elton, como tantos outros, canta fora de ton. Pode que ese sexa o auténtico motivo da caída nas súas vendas, ou será ese afán de explotar a morte de Santa Di para montar un circo amparado na etiqueta de “Os ingresos serán destinados a tal ONG”? Eu non creo na caridade de tipos que viaxan en limousine e levan gafas con diamantes incrustados.

A socialización do proceso creativo é o grande cabalo de batalla do noso tempo. Os pequenos creadores somos a grande ameaza dos poderes económicos do cultural e por iso somos atacados, mesmo desde as máis altas instancias do Estado que protexe aos bucaneiros da SGAE fronte ós piratas do copyleft, porén nós non temos medo porque as nosas mentes, a nosa imaxinación é a patria común que resiste calquera invasión. A forza que move as aspas dun muíño chamado futuro.

Comentarios