Xuventude tardía

Hai tres grandes diferenzas no mundo: clase, xénero e xeracional. As diferenzas son grandes e lonxe de ir a menos, cada cambio implica empeoramento. Algunhas desas diferenzas arguméntanse no festival Escenas do Cambio. Desde as chamadas ao público ou desde a documentación duns feitos que parecen pasar noutro mundo pero claramente forman parte deste

IMOS PARA VELLOS. Facemos moitos esforzos para ignoralo. Pero imos para vellos. A vellez ten mala prensa e publicidade enganosa. E moita retórica. Á vellez pásalle como a todas esas cousas que nos desgustan: xera unha cantidade incrible de literatura. O festival Escenas do Cambio ten intención de poñer o foco fóra do foco, de ofrecer un contradiscurso que xere un discurso novo. E, por veces, non deixa de evocar un paradoxo ofrecer imaxes dun mundo convulso baixo as cubertas da Cidade da Cultura.

Era nas películas do Oeste e nos relatos de Jack London onde as tribos abandonaban os vellos para seguir camiño. Eles facíano literalmente. En Occidente todo ten un ton menos dramático, pero os feitos son os mesmos: deixamos os vellos fóra do discurso agás que teña que ver cos netos, coas pensións ou cos seguros de decesos. Isto non é de agora, hai anos que a concepción que a Administración tiña dos vellos quedou retratada cando foron incluídos naquel epígrafe chamado clases pasivas. O Don Juan de Voadora tenta rescatar o argumento de todas as interpretacións negativas. O Don Juan de Voadora ten máis de Voadora que de Molière e, se busca refuxiarse nalgún mito, é nese que advirte que hai buscar sempre a cara luminosa da vida. Ese mesmo que pode ser reinterpretado desde aquí recoñecendo que de vello tamén se pode ser gaiteiro. Hai que manipular a tradición, pero manipular a tradición é moi tradicional.

Hai outra cara da vellez que, por veces, coincide co lado solleiro da rúa. Témola grazas ás empresa aseguradoras e a esa intención de asegurar o noso porvir —que palabra— de todos os planos de pensións bancarios. Voadora and friends rebusca nese territorio para volver a disociar a palabra vellez da palabra fin que, seguramente, é o imaxinario que nos pesa a todos. A compañía traballa máis no desexo que na realidade. En certo sentido, esquiva o documento en favor da interpretación pop da vida: sexa como sexa ten que ter posibilidades de ser asubiada. A de Voadora é unha aproximación melódica a unha ollada imposta da que liberarse. Liberarse da química da sociedade diante da vellez e, algo menos, liberarse desa especie de xuventude tardía que non deixan de anunciar para cando cheguen eses anos.

O que non se saltan nunca coa vellez son as barreiras. Porque a día de hoxe hai tres grandes diferenzas na sociedade: as de clase (que agora son vía económica), as de xénero e as xeracionais. Porque, en realidade, non se trata de se a vellez debe ser diferente doutras idades, que o é de feito, senón se aceptamos que sexa como queira ser. Se aceptamos a realidade como queira ser.

A relación de Escenas do Cambio coa realidade ten as súas aristas. O festival ten máis vocación propositiva que transformadora e non tanto por si mesmo como porque aquí a transformación que calquera tipo de teatro poida provocar só será percibida cando eses cambios estean asumidos. Para entón ninguén lembrará do teatro. Do festival do Gaiás podería deducirse que hai dúas liñas de intervención na escena contemporánea respecto á realidade. Unha delas chama pola participación xogando a superar as fronteiras do escénico para entrar neses vellos xogos de opinión controlada. Rimini Protokoll vai casa por casa cun xogo sobre como tomamos decisións. Un xogo no que o paródico non quita o consciente. Europa é un lugar onde se poden negar os referendos ou repetilos ata que saia o resultado que ten que saír. Opinión dirixida ou controlada. Ou, postos a non pararse en matices, a opinión convertida en estatística facilmente utilizable.

A outra liña da realidade ten que ver co carácter documental dalgunhas das obras do festival. Documental no sentido máis amplo, asumindo un territorio que os medios informativos foron abandonando conscientes a curto prazo, inconscientes a longo. Teatro de advertencia para espectadores acomodados nos seus problemas inmediatos. Escenas de denuncia que reclaman do espectador unha postura menos cómoda que estar sentados.

Lagartijas tiradas al sol ofrece dúas versións da mesma inmersión nunha realidade inasumible. En Tijuana reconstrúese a experiencia de quen marcha a traballar a esa cidade mexicana aténdose ao salario mínimo. A narración asume a ironía de que quen conta procede doutro mundo e, finalmente, esa barreira entre clases só se salva se o observador nunca deixa de selo. Tamén pode ser paradoxal que a mesma compañía utilice o formato de conferencia para contar a realidade, aínda máis brutal, de como a narcopolítica mexicana asasina periodistas en Veracruz.

Non é a única contraposición de Escenas do Cambio. Entre a danza para denunciar a sintaxe da violencia en Palestina de Arkadi Zaides e o repaso á vida coreográfica de Cédric Andrieux hai toda a distancia que ignoramos entre o confort de Europa e a realidade do resto do mundo. Porque os europeos somos como adolescentes aos que un día o seu pai anuncia que quedou sen traballo. E nin sequera pensamos en poñernos a traballar.

Comentarios