Eloxio da preguiza

Segundo pasaron os séculos aumentaron o número de horas de traballo. Algún estudoso asegura que no Paleolítico o tempo habitual adicado ao traballo ocupaba de tres a catro horas ao día. No século XVIII a media estaba en vinte horas semanais. Se comparamos iso coa situación actual, na que abundan asalariados  malpagos, con empregos absorventes, con xornadas extenuantes e con horario laboral superior ao recollido nos convenios, que carecen de tranquilidade, lecer e de tempo para familia e amigos, vemos até que punto a crenza na idea do progreso social e da liberación do ser humano está máis lonxe de realizarse.

Cada vez trabállase máis, e o proletariado padece unha maior alienación económica e política, chegando a non recoñecer nin a súa propia condición. Nas últimas décadas co neoliberalismo, mesmo se podería dicir que o escravismo medrou. As palabras do xenro de Marx, Paul Lafargue, reivindicando a preguiza en poucas ocasións tiveron tanto sentido como hoxe en día: ''Unha estraña loucura posúe a clase obreira das nacións en que reina a civilización capitalista. Esa loucura é o amor polo traballo, a paixón moribunda polo traballo, levada até o esgotamento das forzas vitais do individuo e da súa proxenitura''. Neste sentido, o último Karl Marx declaraba que ''unha nación é verdadeiramente rica se, no canto de doce horas, traballa seis''.

O progreso auténtico --o progreso social-- non se reduce ao aumento da produción de bens, dos beneficios empresariais e do consumismo da poboación. O verdadeiro progreso dun país radica no incremento da felicidade dos seus habitantes. E para iso necesitan tempo para o lecer, para a cultura e a mellora persoal. Porén, o home e a muller contemporáneos, sen sentido crítico, meras engranaxes do sistema, obsesionados polo traballo e unidimensionais no sentido marcusiano, pensan de xeito discutíbel que a felicidade vai asociada ao consumo e á posesión de riquezas e de bens materiais.

O produtivismo da estendida razón instrumental, que beneficia case en exclusiva aos que se aproveitan da plusvalía, impídelles ver que reducir o consumo de bens non necesarios e o número de horas de traballo axuda á saúde, contribúe á felicidade das persoas e diminúe o deteriorio medioambiental. Que é máis intelixente traballares até a extenuación toda a vida para mercar un andar, cambiar de coche e lucir a moda de cada temporada ou manteres unha vida saudábel, seres dono do teu tempo e poderes desfrutalo devagar? Vivimos errados, enganados pola publicidade e polos discursos dos políticos que nos esixen máxima produtividade non se sabe para que, porque nunca estivo tan lonxe a posibilidade de que un asalariado mellore por mor do seu esforzo o seu nivel de vida. Son puras falacias para que a banca e a clase empresarial acumulen máis riqueza. Quérese que sexamos produtores eficaces e consumidores compulsivos, aproveitándose dobremente de nós.

Máis sabio sería, como nos tempos pretéritos, laborarmos pouco para que o traballo se reparta e termos tempo para o acougo e o lecer, e desfrutarmos máis da vida. Conformármonos con menos bens, reducindo ao mínimo necesario o consumo. Cultivarmos parte do noso alimento e, se é posíbel, deixarmos de ser asalariados.

Comentarios