Elías González: ''El oficio tradicional debe ser sostenible, no subvencionado''

Elías González elabora unha peza diante dun grupo de xente. TP
photo_camera Elías González elabora unha peza diante dun grupo de xente. TP

A olaría que se elabora na parroquia soberina de Gundivós é unha das catro tradicionais que se manteñen en Galicia. Elías González é un representante da nova xeración de oleiros soberinos que aposta polos oficios de sempre pero sostibles.

DE neno xogaba entre os oleiros da parroquia de Gundivós, en Sober, como moitos dos outros pequenos do pobo, pero dalgunha maneira chamoulle a atención ata chegar a axudar a un dos oleiros de sempre, o famoso Agapito González, quen o adentrou de cheo no oficio. Elías González Prieto (Gundivós. Sober, 1973) sempre estivo ahí, cos pés na súa terra, pero ó mesmo tempo comezaba a estudar e a facer as súas xogadas no mundo do fútbol. Un bo día deixou todo e embarcouse na olaría, un oficio que defende como outros tradicionais, pero sempre que se desempeñen coa máxima dignidade e, por suposto, sen respaldos económicos que de faltar poden acabar por completo coa cadea.

Cales foron os seus primeiros pasos no mundo da olaría?

Dende sempre resultoume unha actividade atractiva. Porta con porta tiña ó mestre Agapito e de vez en cando estaba ó seu lado vendo como traballaba, como convertía o barro en olería. Pasou a adolescencia e fixen estudos de formación profesional, curiosamente de electricidade, e ó mesmo tempo facía os meus pinitos no mundo do fútbol. Estiven oito anos xogando, entre outros equipos no Lemos, e como tiña moito tempo mantiña esa curiosidade polo taller do Agapito. Axudáballe nos traballos máis duros, pero nunca pensei en colle-lo relevo. Chegou un intre no que había que decidir se seguir co fútbol e ter un traballo complementario, que creo que non tiña futuro, ou decantarse de cheo pola oleiría. E aprendín do Agapito.

Pois tivo sorte porque sempre se comentou que tiña certa reticencia a ensina-lo oficio?

>Hai que entender que ensinar por ensinar, non. O temor que tiñan os oleiros de toda a vida era deixar o oficio en mans de xente que o puxera en perigo, que desistira visto que require moito esforzo e dedicación. Tampouco era fácil que che axudaran a entrar no oficio porque había medo a que non se mantivera a tradición e se chegara a desvirtuar.

Cantos oleiros hai en actividade?

O Agapito, unha persoa máis e eu. Tamén hai xente aprendendo o traballo.

Vostede foi máis alá no oficio e ademáis do seu obradoiro ten na casa reitoral de Gundivós todo un centro adicado á olaría e á Ribeira Sacra.

Cando decidín que o meu futuro estaba na olaría apostei forte e fíxenme coa propiedade da reitoral de Gundivós. Pouco a pouco foise restaurando e mantendo ó máximo a súa estructura e disposición como casa grande. É o obradoiro, pero tamén centro de interpretación e de recepción de visitantes. É algo distinto onde a xente vive a zona. Non é por nada, pero é o máximo exponente dos centros culturais vivos da Ribeira Sacra.

Cales son os seus valores?

Dende o taller ata a posibilidade de ver unha casa solariega da Ribeira Sacra onde se manteñen elementos como a cociña e outras áreas nas que se facía a vida diaria. É unha casa do 1765. Hai unha sala museo, con antigas dependencias, cociña tradicional, patio e sala de vendas, así como recintos para proxectar imaxes. O visitante ve todas as estancias e no patio fago unha demostración de olaría na que a xente percibe as peculiaridades. Eso foi precisamente o que me enganchou a min, que se fixera algo distinto no meu pobo.

Cando sacou adiante o centro pensou en facer cursos, en adentrarse na formación.

Ese aspecto quedou un pouco parado porque isto é un oficio e non unha afección. Estaría ben para alguén que pensara en seguir no oficio. Iso xa se fai, con dous ou tres rapaces que poden coller o relevo, pero en plan de facer cursiños para que a xente ocupe o tempo libre, non, aínda que se podería facer algo sobre o traballo do barro, pero non é o máis axeitado neste caso.

Pódese vivir da olaría?

Se houbera máis oleiros en Sober, como nos anos 90, cando había cinco, sería difícil. É un oficio e non se pode entender simplemente como artesanía. Por tanto, ten que ser rendible. Eu sempre apostei por unha olaría sostible, non respaldada por subvencións nin que sexa unha cousa para pasar o rato. As axudas poden estar ben nalgúns casos para empezar, pero se o oficio non se fai sostible por si mesmo acabará cedendo e así perderíase tamén a tradición.

Cales son as claves da olaría de Sober?

Tendo en conta que partimos dun oficio sostible, nesta zona temos a particularidade de que o visitante e cliente acode a coñecer os recursos. Das adegas veñen a Gundivós e ó revés, e dende os establecementos hostaleiros tamén sucede o mesmo. É todo un círculo que ten o seu senso. No caso da olaría de Gundivós ten as claves de que o barro é do mesmo pobo, onde as pezas se elaboran en torno baixo, cocción con leña e impermeabilización con pez, resina de pino. Son os elementos diferenciadores, ademáis da cor negra.

Valóraa a xente?

Valóraa despois de coñece-lo proceso. Ocorre igual que co viño. Os seus elementos diferenciadores son os que lle dan o valor. Se a xente non coñece as diferenzas, no caso do viño que se produce nestas ladeiras, só vería as botellas nun expositor ante outras e sen máis. Na olaría acontece igual. Por iso me animei a crear o centro na casa reitoral, para que a xente poda darlle o valor que ten, o que implica un esforzo a maiores. Os produtos non é que sexan mellores ou peores, sinxelamente son distintos.

Hai mercado fora?

En Galicia distribúese a algunhas tendas, e tamén en Madrid e Barcelona. Ademáis, temos uns clientes determinados que fan encargos e sobre todo o que se vende dende Gundivós.

A olaría, en principio, tiña unha función doméstica. Que foi dela?

Os novos materiais foron deixando atrás o barro. Moitas das pezas eran para o mundo do viño, para a actividade agrícola ou para as casas. Aínda se manteñen pezas para usar na casa como os xarros, asadores, barreños para a zorza e ámboas para o vinagre. Trabállase moito por encargo. Hai xente que aínda lle dá uso cotiá.

DE PRETO
«Na Ribeira Sacra danse pasos moi importantes»

É unha zona onde se pode vivir dos recursos porque empeza a ser un destino turístico de referencia. Creo que hai moitas cousas que se están facendo ben. Estase traballando na especialización, que é o que da valor. Moitos establecementos, por exemplo, melloran os seus parámetros de calidade. Os pasos dados deben dar resultados a curto prazo.

Que pensa que queda por facer?

A xente ten que darse conta de que é a iniciativa privada a que ten que facer o esforzo. É a que ten que dar co puño na mesa e esforzarse porque o que se consiga das administracións poden ser axudas, pero non duran para sempre.

Que opina do patrimonio?

Hai moito que arranxar, pero como primeiro paso é fundamental coñecelo para valoralo.

Vostede é tamén concelleiro?

Non son político. Simplemente estou por representación dos veciños.

A que adica o seu tempo libre? Segue xogando ó fútbol?

Loxicamente quédame moi pouco tempo porque cando non estás co barro estás coas pezas e cando non, coas visitas. Pasei do fútbol ó tenis. 

Comentarios