Eles, os que saben

Falou O Fondo Monetario Internacional e dixo que España ten que baixar o 10% nos salarios se quere combater o paro. Falou Olli Rehn, vicepresidente económico da Comisión Europea, ou sexa, falou Bruxelas, e dixo que o FMI ten razón, que deben chegar a un acordo sindicatos e patronal para aceptar esta fórmula e que, de non o faceren, cargarán sobre os seus ombros cunha enorme responsabilidade polos custes sociais e humanos. E agora, coa cautela e respecto que me inspiran estas cousas, que á fin son as de comer e con elas non se xoga, falarei eu, aínda sabendo que as miñas palabras e as miñas dúbidas non chegarán a tan altas instancias.

¿Saben o FMI e Olli Rehn, ou sexa Bruxelas, que boa parte dos traballadores e traballadoras do noso país non cobran o que se di que cobran nin traballan as horas que se di que traballan? Pois, a título de exemplo, falareilles de talleres que prestan os seus servizos á industria téxtil; mais podería referirme a operarios que, por mil euros, talan árbores seis días á semana de sol a sol e aínda máis, porque para iso están os potentes focos de certas máquinas, ou a empregados de hostalaría que traballan sen horarios, mentres haxa xente que demande a súa atención.

A explotación de obreiras no téxtil é, sen dúbida, unha das claves do ascenso meteórico de certos empresarios que se nos ofrecen como modelo. Isto último non é estraño se se ten en conta que algunhas voces se atreveron a citar o chinés como paradigma de produción. Porén, se aceptamos que é esta, a produción, a suprema das causas, todo se xustifica.

Contábame unha destas obreiras, máis resignada que reivindicativa, como as sete horas e media convidas e os supostos novecentos euros son no taller en que ela cose, en realidade, nove horas e media e oitocentos euros no mellor dos casos. Cobran en sobre cerrado, cada unha o que lle toque segundo a produción. As présas por aumentar esta, xunto coa imposíbel concentración no traballo prolongado, ocasionan continos accidentes tales como dedos traspasados pola agulla da máquina. Despois, lesionadas, teñen moito máis difícil rematar o número de prendas esixido. Resumindo e botando máis unha vez man das palabras do meu admirado Atahualpa, «color de sangre minera tiene el oro del patrón».

Seica as inspeccións de traballo, sempre anunciadas, collen ás operarias ben advertidas do que deben responder se lles fan preguntas. Eu reitero a miña: ¿Saben o Fondo Monetario Internacional e Bruxelas estas cousas? Se é así, ¿como se atreven a pedir que baixemos os salarios? Se non as saben, ¿como se atreven a dar consellos?

Isto é neoescravismo e non o xeito de combater o paro.

Comentarios