Eles din crise, nós desigualdade

ESCRIBÍA O PROFESOR VICENÇ NAVARRO que na década de 1980 un alto directivo ganaba corenta veces máis ca un traballador da mesma empresa. Nos anos tolos do monocultivo do ladrillo, soñando todos con xogar ó golf, xa ganaba catrocentas veces máis que o traballador. E agora? Saltan os Goirigolzarri, os Sáez, do BBVA, do BCSH, con soldos obscenos que anoxan á xente de ben que terma da vida, da familia, do país.

As distancias en riqueza son agora abismais. Os cartos, os privilexios, soldos que non collen en cabeza humana concéntranse nuns poucos mentres millóns de parados míranse cada día no espello da desesperanza. Os millonarios son agora milmillonarios nun sistema que lexitima as diferencias e ten a súa feira das vaidades na revista Forbes. A excelencia, a sorte, o duro traballo non explica tanta diferencia. Se non queremos que a dignidade humana quede aplastada, xustiza e conquistas sociais teñen que ir da man.

Como nos teñen enganado! Cando estoura a crise todo foi anunciar medidas drásticas, leis máis duras, indignación xeralizada, prohibicións. Ata aquí chegou a desregulación dos mercados! Acabaremos coas illas de bucaneiros dos paraísos fiscais! Cada movemento de capital terá a súa taxa! (para cando a taxa Tobin?) Nunca máis bancos como covas de Alí Babá!,… El que foi de todo iso? Os que provocaron o colapso da economía mundial enriquécense agora especulando en países con dificultades económicas. Na City vólvese falar das ganancias excesivas dos directivos, mentres Atenas é un mar de bágoas por onde foxen as grandes fortunas.

Eles din crise, nós dicimos desigualdade. USA, Xapón, Europa xeran o 75% da renda mundial cun 13% da poboación. Case 3.000 millóns de persoas sobreviven cun euro e medio diario. E dezaseis de cada cen meniños do mundo pobre xamais apagarán a sexta vela dun cumpreanos que nunca celebraron.

E en España? Din os que saben que os salarios aportan só o 45% do PIB pero soportan ata o 80% do IRPF. Non estraña que calculen nun 23% os cartos sucios que esvaran mergullados polas cloacas económicas: 80.000 millóns de euros que non chegan ós petos do Estado.

Semella que España é o patio de Monipodio onde berramos se suben uns céntimos o IVE pero calamos ante a inmensa estafa do fraude. A corrupción duns poucos cos cartos de todos nin doe nin pasa factura. Así está a política deste país.

Construír o futuro, asegurar o estado do benestar e vivir en paz social semella un soño utópico. É o soño da xente decente que come o pan co suor da fronte. Os poderosos, os tiburóns que provocaron a crise e agora se alimentan dos cadáveres non necesitan soñar. Xa teñen o G20, e o FMI, e o BM, e a OMC. As siglas dan menos medo e menos vergoña: nin coñecen a crise nin comparten a desigualdade.

Comentarios