El Progreso ofrece a partires de mañá tres DVDs que permiten coñecer a Costa a vista de paxaro

Veciños adquirindo as obras e xornais na principal rúa peonil da vila. (Foto: Héctor Manasé)
photo_camera Veciños adquirindo as obras e xornais na principal rúa peonil da vila. (Foto: Héctor Manasé)

El Progreso dálles ós seus lectores a ocasión de facerse, a partires de mañá, cunha colección única de tres DVDs titulada ‘A Mariña dende o ceo’, que permitirá ós propios lucenses e tamén ós visitantes coñecer a comarca a vista de paxaro. A sociedade ribadense acodiu onte ó Teatro, á presentación e proxección do primeiro destes vídeos, que correu a cargo do vicepresidente primeiro da Deputación Provincial de Lugo, Antonio Veiga; do alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, e de Blanca de Cora, adxunta á presidencia de El Progreso.

O rexedor ribadense felicitou a El Progreso por «ser un xornal con tradición, presente en toda a provincia, e saber aínda así adaptarse ás novas tecnoloxías». De feito recoñeceu que descoñecía «que un aparello, que é como un helicóptero non tripulado e manexado dende terra, puidera facer estas marabillosas gravacións, dende os máis diversos planos».

Para Suárez Barcia, este tipo de experiencias tamén «contribúen a unir unha comarca como a da Mariña desvertebrada polas malas comunicacións dende O Vicedo a Ribadeo», xa que na súa opinión, «se as infraestruturas non son quen de unir a costa lucense, este tipo de accións si contribúen a que os habitantes da Mariña nos sintamos máis unidos».

Pola súa banda, Blanca de Cora destacou que El Progreso é un medio «con máis de cen anos, que sempre tivo a vocación de apostar por todo o que acontece en Lugo e que dende hai máis de 17 anos creou unha edición para A Mariña ó entender a necesidade dunha implicación coa información de proximidade». Asemade, a adxunta á presidencia do xornal revelou que outro obxectivo do grupo é o de desenvolver accións que «sirvan para promocionar as nosas terras e ‘A Mariña dende o ceo’, con tres DVDs, é mostra delo».

De Cora lembrou que mañá sábado entrégase co xornal o primeiro dos tres vídeos, que aportan, dixo, «unha visión impresionante e para moitos, descoñecida, dalgo que nos é tan próximo».

Felicitou á empresa Air-e polo seu bo facer nestas gravacións a media altura da Costa e agradecéulle tamén á Vicepresidencia Primeira da Deputación «o seu patrocinio» e ó Concello de Ribadeo «a oportunidade que nos brindou de presentar aquí esta colección de DVDs».

Para o vicepresidente provincial, a colección supón un compromiso máis «do Progreso coas reivindicacións culturais» e lembrou con agarimo ó xornal: «Foi o primeiro que entrou na miña casa e co que aprendín a ler». Felicitou tamén o grupo editorial por lanzar, hai 17 anos, «a edición especial da Mariña, sen a cal xa non pasan os mariñáns e á que lle auguro moitos anos de vida». Para el, os DVDs que sairán a partires de mañá co diario por tan só 1,95 euros, son «unha forma máis de promocionar esta comarca».

O primeiro estará á venda tódolos días durante unha semana e así acontecerá cos seguintes.

Comentarios