El DOG publica el decreto por el que se extingue el Monte Caxado

Este martes el DOG recoge el decreto por el que se extingue el CPI Monte Caxado. El texto del documento es el siguiente:

"CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 60/2017, do 22 de xuño, de reorganización de centros docentes de determinadas localidades.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece que é competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis, graos, modalidades e especialidades, competencia que o Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, atribúe á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

A realidade sociolóxica, educativa e de optimización dos recursos fai necesaria a revisión da rede de centros e a planificación educativa naqueles concellos ou poboacións en que se estean prestando servizos de educación infantil, primaria e secundaria obrigatoria en centros de distinto tipo, situados nun mesmo recinto escolar ou en zonas lindeiras dentro do mesmo concello, para proceder á súa reorganización mediante fusión, integración ou transformación, garantindo a escolarización de forma satisfactoria do alumnado afectado, sen menoscabo dos seus dereitos a recibir unha educación de calidade e en igualdade de condicións que o alumnado de centros do mesmo tipo.

Esta escolarización efectúase respectando as exixencias de ratio (número máximo de alumnos por grupo) e de postos de traballo docentes, para garantir a calidade do ensino e facilitar a atención á diversidade, e ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, así como impulsar a dinamización de proxectos educativos.

Da reorganización que leva a cabo este decreto derivan efectos pedagóxicos positivos para o alumnado de educación infantil e primaria, toda vez que o traslado do alumnado de educación secundaria obrigatoria permitirá aos centros dispoñer de máis espazo para actividades docentes, e tamén facilitará que o profesorado poida centrarse en proxectos educativos máis acordes coa tipoloxía do alumnado, fornecendo unha mellora das relacións nas respectivas comunidades educativas.

Así mesmo, o alumnado que vai estudar a educación secundaria obrigatoria a un instituto de educación secundaria tamén se verá beneficiado ao poder integrarse en grupos de estudo máis amplos, que permiten aumentar a oferta educativa en determinadas materias que necesitan un número mínimo de alumnos/as, ao facilitar as medidas necesarias de reforzo educativo. Finalmente, este alumnado participará dun contorno socioeducativo máis afín nun centro no que poderá cursar tamén o bacharelato.

En consecuencia, das medidas de reorganización adoptadas derivan efectos pedagóxicos positivos para o alumnado de educación infantil, primaria e secundaria obrigatoria afectado e, ademais, contribúen a optimizar os recursos educativos tanto no relativo ao profesorado como ás instalacións, obxectivos que constitúen a finalidade e o fundamento da presente norma.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e a súa Presidencia, logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día vinte e dous de xuño de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo 1. Fusión de centros de educación infantil e primaria

Os colexios de educación infantil e primaria Emilio Navasqüés e Plurilingüe Serra de Outes, ambos do Concello de Outes (A Coruña), fusiónanse nun único centro coa denominación de Colexio de Educación Infantil e Primaria de Outes, con código de centro 15033101, con capacidade para 6 unidades de infantil e 12 unidades de primaria.

Artigo 2. Integración

O Centro Público Integrado Monte Caxado das Pontes de García Rodríguez (A Coruña) extínguese, o alumnado de educación infantil e primaria intégrase no Colexio de Educación Infantil e Primaria A Magdalena (código de centro 15023429) e o alumnado de educación secundaria obrigatoria no IES Moncho Valcarce (código de centro 15025694), ambos centros da mesma localidade.

Artigo 3. Transformación de centros públicos integrados en colexios de educación infantil e primaria

1. O Centro Público Integrado Plurilingüe Tomás de Lemos de Ribadavia (Ourense), transfórmase en Colexio de Educación Infantil e Primaria Tomás de Lemos, código de centro 32011305, e as ensinanzas de educación secundaria obrigatoria trasládanse ao IES O Ribeiro da mesma localidade.

2. O Centro Público Integrado da Ribeira do Porriño (Pontevedra) transfórmase en Colexio de Educación Infantil e Primaria da Ribeira, código de centro 36019529, e as ensinanzas de educación secundaria obrigatoria trasládanse ao IES Ribeira do Louro da mesma localidade.

Disposición adicional única. Situación do profesorado dos centros

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria determinará as necesidades e a situación do profesorado dos centros afectados por este decreto, en aplicación do Decreto 140/2006, do 31 de agosto, polo que se determinan os criterios de perda do destino definitivo polas funcionarias e funcionarios docentes que prestan servizos nos centros educativos que imparten ensinanzas distintas das universitarias e o cómputo de antigüidade no centro en función das causas de acceso a el e demais normativa de aplicación.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da consellería con competencias en materia de educación para ditar, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para a execución e o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de xuño de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria"

Comentarios