El castigo de Messi

Non hai moitos meses un xornalista deportivo requiríralle a un mandatario político do Partido Popular que, postos a tomar medidas para o novo Goberno, no tocante ao deporte deberían aprobar un real decreto que inhabilitase a Leo Messi para xogar nos estadios de fútbol. Medio en broma, medio en serio, este locutor matizaba que a abismal superioridade de Messi estaba adulterando a competición. ''Este tipo é un castigo. Derruba os códigos do fútbol. Fai imposible competir, tratar de igual o Barça''. Na súa interpelación, e por aquilo de facela medio crible, o xornalista sinalaba que Messi só debería poder xogar no Camp Nou, e xa forzando moito, para beneplácito dos culés.

O argumento é de tolos pero é certo que Messi debería pensar moi en serio a opción de montar un museo de trofeos na súa vila natal de Rosario. Leo non para de acaparar homenaxes, títulos, mencións… demasiadas figuriñas para a vitrina dun único salón. Salvo lesión, ¿acaso teñen dúbida den que será o mellor xogador de 2012? ¿E de 2013? É evidente que neste tipo de premios tamén se valora o éxito colectivo pero cústame creer que Messi deixe de ser o mellor peloteiro do mundo só porque algún día o Barça evidencie un baixón no seu xogo ou deixe de gañar unha gran competición como a Champions.

É certo que os xogadores do Real Madrid non podían estar en Zúric polo envite copeiro desta noite pero négome a creer que a historia sería a mesma se Cristiano Ronaldo se soubese con firmes posibilidades de gañar este Balón de Ouro. Xavi Hernández xa está acostumado. Catro nomeamentos e sempre, na elección, detrás de Leo. Igual que no terreo de xogo. ''Nós tentamos gañar títulos. Xogar ben. Defender un estilo. ¿O Balón de Ouro? Iso é cousa de Messi'', dixo o de Terrasa.

Se cadra xa por apuro, Leo acabou compartindo a pelotiña dourada co seu compañeiro: ''Vós tamén o merecedes''. Xavi sorría, aguantaba o tipo. O mesmo que fixera Osasuna hai uns días cando un tipo griposo pasou por riba deles facéndolles dous goles en apenas media hora.

Pode que a proposta dese xornalista acabe algún día nalgún despacho da FIFA. Alí, co burricáns que son, mesmo a poden ver como unha opción viable. Darlle un castigo a Messi para que Messi deixe de ser un castigo. De momento, Messi, que se poña en serio co asunto do museo. Sería de agradecer. Sobre todo para os seus veciños de Rosario.

Comentarios