Eiffel nunca estuvo en Ribas de Sil

A abadía de Ribas de Sil.
photo_camera A abadía de Ribas de Sil.

«Eu non entrei no pazo na miña puta vida e levo toda a vida vivindo ao seu carón», confesa María sen mexericadas. Refírese ao pazo de Batanero ou de La Cuesta, unha esplendorosa construción de mediados do XIX, que detenta unha poderosa situación na parte alta da vila e está resgardado por unha ampla finca ocupada en boa parte por cepas.

María recoñece a súa carencia cunha intensa indiferenza, produto xa de moitos anos de costume. Pero as obras tiveron que ser espectaculares, lindantes co mito.

Manuel Batanero dominou unhas cantas hectáreas dependentes da abadía de San Clodio aproveitando a desamortización de Mendizábal de 1850. Unha vez erixido o pazo ergueu no perímetro da súa finca un valado de lendas. En Ribas de Sil contan que o vello Batanero aparecía en Rolls Royce e que reservaba unha parte dos seus terreos para xogar ao tenis e ao cricket. «Batanero podía ir a Madrid durmindo todas as noites en casas súas», apunta un veciño. «Os membros da súa familia están embalsamados dentro», sabe outro. Non falta quen interpreta ao seu xeito na Coruña: «Hai uns portais na praza de María Pita que teñen inscricións que poñen B1 e B2: Batanero 1, Batanero 2».

Os feitos son que se atopan moitas reticencias para visitar a casa, aínda que foi unha realización que determinou a configuración da vila ao ceder terras para tender a vía do tren. Entregou o espazo, pero non sen beneficio porque requeriu unha parada obrigada para os convois de longo percorrido, ocupándose empregados seus de atender aos viaxeiros. A petición culminouse con dúas pontes que desvían o trazo ferroviario cruzando o río de ida e de volta para que se achegue á súa finca. Unha gran cancela abre o recinto para que Batanero tivese acceso directo á súa casa.

Ponte

A estrutura de Ribas de Sil completouse oito anos despois da desamortización coa apertura da Ponte de Ferro, na que se utilizou unha técnica construtiva ideada por Eiffel e que se armou cun artesonado de listóns metálicos que lembran a torre baixo a que se retrata todo visitante de París. Esas semellanzas fixeron pensar que Eiffel debuxara os planos desta infraestrutura, algo habitual nos estudos de arquitectura e enxeñería franceses, que asinaron planos de medio Buenos Aires sen telos pisado nunca.

Ecos máis lonxanos no tempo e no espazo chegan dende Lisboa e o terremoto que abaneou a cidade en 1755. Hai unha pedra na parte alta do pórtico renacentista que se conserva da abadía do século XII que se botou do seu emprazamento daquela e se deixou estar. O limiar data de 1604, cando foi rehabilitado ese acceso ao recinto dos frades, hoxe nunha decepcionante ruína. En mal estado se atopa tamén unha esvelta torre cadrada do conxunto, da que manan as lembranzas máis divertidas dos xogos e os terrores máis enraigados dos que foron nenos na localidade. Outra lenda revela as torturas da Inquisión para as que o lugar servía de sede. Estando o preso suxeito por catro cravos punzantes, colocábano baixo unha pingueira para que lle furase o cranio e a a auga lle apodrecese os sesos.

Durante tempo a rúa que conduce dende San Clodio á ponte, agora rúa da Liberdade, chamouse rúa do 22 de Xullo, en memoria dos catro días de gracia republicana que se deron os veciños diante do empuxe militar e ideolóxico dos sublevados no 1936. Os resistentes, reforzados con fuxidos bercianos, lograron montar un sólido parapeto de sacos terreiros. Resistiu catro días ata que asomaron pola entrada os fusís e escopetas dos falanxistas de Lugo e, sobre todo, as ametralladoras da Garda Civil.

O balbordo deses tempos xa pasou e agora respírase a calma tanto na ponte como por baixo dela, onde se atopa unha longa praia fluvial.

Atravesando a ponte e xirando cara a Lugo pola Nacional 120 avánzase ata Castro de Abaixo, onde arrinca e remata a ruta da Cubela, un itineario de sendeirismo utilizado tanto polos afeccionados a camiñar entre montes e soutos como a pescar.

A ruta, que supón catro horas de andaina, vai avanzando canda o cauce do Sil ata o lugar da Cubela, no estremo oeste do municipio. A Cubela é un conxunto de casas vellas que foron devoltas á vida a base de axudas europeas, agarimo e respecto pola tradición. No núcleo, habitado por persoas nos días de lecer, soamente respiran un gato indolente e un can que reclama afecto coas orellas baixas e o rabo soterrado entre as patas traseiras.

A Cubela é un dos numerosos exemplos de asentamento sobre entullo dunha mina romana. Os enxeñeiros do antigo imperio adoitaban deseñar enxurradas para rebentar os terreos que gardaban ouro. Despois de provocalas, lavaban a lamaceira na procura das pedriñas de ouro. Tras ese premio, contaban cun espazo cómodo para instalar as vivendas.

O camiño xira despois para subir unha costa respectable que nos conducirá ao mirador de Louxoá, habilitado especialmente para contemplar un curioso meandro fluvial que desvía auga que é tan verde que non se distingue coas caeiras que se elevan sobre ela. O mirador presenta as condicións precisas para albiscar un amplo panorama de montañas de inmensidade, pero os seus promotores non tiveron conta dos estorbos que representan unha torretas do tendido eléctrico ou os operarios da empresa enerxética actuaron despectivamente.

A ruta vai ascendendo cara a Pena Tallada, para pasar por unha meseta que acolle Torbeo, un lugar máis para a lenda.

UNHA MULLER HABITADA POR ESPÍRITOS

Filomena Arias, nacida en 1865, puido vivir ata 1938 grazas a que uns exorcistas foron precavidos. Esta veciña de Torbeo estaba dominada por tres espíritos, pero soamente lle extirparon dous atentos ao perigo de que morrese se lle quitaban o terceiro.

A Bruxa de Torbeo

Ese ‘alien’ que quedou a residir no seu corpo concedíalle poderes sobrenaturais que a dotaban para visións e sandamentos.

Comentarios