Efrén Castro: "Concedéronnos unha axuda para a caldeira e a piscina abrirá no 2017"

El teniente de alcalde de Sarria e edil de Deporte e Medio rural confía na apertura da piscina cuberta ao longo do vindeiro ano logo de recibir a confirmación, polo de agora extraoficial, da concesión dunha nova axuda para a caldeira. Outro proxecto é a recuperación da gala do deporte para inicios de tempada
O nacionalista Efrén Castro, no seu despacho do concello
photo_camera O nacionalista Efrén Castro, no seu despacho do concello

O NACIONALISTA Efrén Castro é o concelleiro do goberno sarriao con máis áreas baixo a súa responsabilidade. Aos cometidos de medio rural, participación cidadá e cemiterio sumou deportes tras a ruptura do pacto por parte de CxG e a residencia de maiores por delegación do socialista Diego López, unha acumulación de tarefas que, segundo di, acomete «adicándolle practicamente todo o día».

San Xoán está xa á volta da esquina. Que obxectivos buscaron dende cultura e participación cidadá á hora de deseñar o programa?

Diferenciar as festas, porque eran as primeiras deste grupo de goberno, e tratar de poñer en valor o movemento artístico da vila, potenciando todo o que hai, que estaba un pouco de lado nas festas.

A que se debe o cambio na aposta por novos recintos como Diego Pazos ou a Praza da Vila?

No caso de Diego Pazos tratamos de rotar para que todo o mundo poda beneficiarse das festas e tamén sufrir menos os prexuízos do ruído. Consideramos que a verbena tradicional vai enfocada a un público e decidimos apostar pola Praza da Vila para darlle unha opción a outro público que ás veces parecía un pouco olvidado.

No mes de xullo promoven tamén a Festa Irmandiña. Con que fin nace esta nova celebración?

Queremos poñer en valor a nosa historia e o noso patrimonio, ademais de promocionar o turismo e o pobo. Puxemos moito empeño na programación e cremos que turiscamente vai ser un valor.

A festa farase na Rúa Maior, aos pés da Fortaleza. Unha vez parada a expropiación do ben, en que fase está a negociación de compra?

Estamos propoñéndolle varias opcións aos propietarios e falamos de financiamento coa área de cultura da Deputación. Parece que hai polo menos unha pequena vía na que podería haber un acordo coa familia, con opcións ó mellor de non comprar toda a finca.

Residencia de maiores
"Queremos que a finais de ano deixe de existir como organismo autónomo e pase a ser plenamente do Concello"

Orzamentos
"Confío en chegar a acordos coa oposición para as contas de 2017, pero se non se aproban en pleno poderá facerse en xunta"

Como edil de deportes ten baixo a súa responsabilidade a piscina. Para cando a posta en marcha?

Xa nos comunicaron extraoficialmente que nos concederon unha subvención para a caldeira. Hai que mirar cal vai ser o método de explotación e levalo a pleno. A xestión directa é a opción que máis nos gusta, pero a lei de orzamentos do Estado non permite contratar todo o persoal, polo que estudamos unha xestión mixta ou contrato de servizos. Contamos abrir a piscina o vindeiro ano, só algo moi raro o podería parar.

Dentro desta mesma área, pensa recuperar a gala do deporte?

Si, a principios de tempada, en setembro. No futuro queremos recuperar o día do deporte na rúa.

No que atinxe a medio rural, como propón xestionar o mantemento de tantos quilómetros de pistas?

Estamos intentando cambiar o modelo e para o ano que vén, que contamos ter orzamentos, tratar de aumentar o parque móbil do Concello para facer nós os traballos. Outra parte é pedir colaboración a outras administracións porque mesmo co cambio do modelo fai falla un investimento grande.

Novos orzamentos en 2017?

Imos facer parte deles participativos. Confío en chegar a acordos coa oposición e, se non se aproban en pleno, como é o segundo ano que se prorrogan poderían aprobarse en xunta de goberno.

Ata cando estará á fronte da residencia de maiores de Sarria?

A idea é seguir polo menos ata final de ano porque queremos que para entón deixe de existir como organismo autónomo e pase a ser plenamente do Concello. Cremos que será unha vantaxe para os traballadores e para a xestión.

Como son as relacións cos seus socios de goberno?

BNG e PSOE son dous partidos moi diferentes en moitas cousas, pero conseguimos chegar a un entendemento, coas súas discusións ás veces, pero iso tamén pasa con maiorías absolutas. Intentamos que de dous partidos diferentes poda xurdir un goberno bo para Sarria, poñendo a nosa marca nas nosas áreas. Conseguimos traballar con cordialidade.

Ve posible chegar a acordos e establecer diálogos coa oposición?

Espero que si, foi un primeiro ano convulso e espero que o máis pronto posible volva un pouco a cordura e cando se negocie algo coa oposición o que estea na mente de todos sexa o ben común.

Como viviu toda a polémica da moción de censura?

Tanto Mónica (López) coma min intentamos seguir traballando coma se non se fora presentar a moción porque é a única maneira responsable de traballar.

Comentarios