Educar é educarse

EDUCAR é un verbo que non se conxuga en singular. Somos seres sociais. Uns dependemos doutros. Outros coidan de nós, e nós coidaremos deles. Robinson Crusoe é unha estupenda novela de Defoe, onde o inferno da illa paradisíaca remata cando atopa a Venres e acaban volvendo ó ceo da civilización.

Todos os camiños do mundo nacen onde vive xente e chegan ata onde vive xente. As historias miúdas teñen máis decencia e son máis reais que a historia oficial. Os protagonistas non son os reis nin os guerreiros. É o pobo o que constrúe a historia, edifica cidades, crea a cultura, cultiva a palabra.

Estamos en aldeas, vilas e cidades onde vivir significa convivir. Educámonos xuntos. Nais e pais terman dos fillos, coidan deles, impoñen normas e valores, descobren o valor educativo do horario. E tamén os fillos educan ós pais. A carón dos máis pequenos aprenden a ser máis pais, mellores nais. Desde os brazos quentes os bebés ensinan delicadeza e tenrura. As heterodoxias adolescentes mostran a importancia da paciencia e do diálogo. Pais e nais descobren que hai que remar na mesma dirección ante uns fillos habilísimos en descubrir fendas na parella.

A familia sostén a todos, acolle e acubilla. Mostra preferencia e dedica os mellores esforzos e os maiores recursos ós máis febles, enfermos e discapacitados, avós e bebés. Camiña a carón dos que perden o paso e precisan que lles boten unha man. Porque nada hai tan inxusto como tratar igual ós que son desiguais. A familia xamais se comportará como un hospital absurdo que curase ós sans e matase ós enfermos.

Na familia que vive xunta, que come ó redor da mesma mesa nunha urdida indestrutible tecida con fíos de amor, non hai sitio para o negocio da oferta e a demanda. Lonxe de dar sempre a razón e satisfacer o gusto do cliente, principio sagrado do bo comerciante, a familia que educa ten que contradicir a miúdo os gustos e apetencias dos seus ‘clientes’. Así, os adultos teñen que renunciar a boa parte do mundo propio para edificar cada día o mundo compartido da familia. E tamén os máis pequenos necesitan como respirar, unha ración diaria de nons. O sentido da cidadanía e a liberdade constrúese cunha mestura equilibrada de dereitos e deberes. A oferta pantagruélica de dereitos e unha invisibilidade de deberes produce monstros.

Estamos a vivir momentos complicados no eido social, económico e dos valores, pero cada época foi percibida como crítica e difícil polos seus contemporáneos. Hoxe a familia precisa axuda. Os pais necesitan aprender xuntos en lugares de encontro, espazos de educación e de palabra. Falamos de nais e pais, fillos e fillas. Falamos da familia, poderoso escenario onde todos aprenden cada día que educar é educarse.

Comentarios