Educación na posmodernidade

DE VAGAR a educación na nosa época posmoderna está a cambiar: substitúese o programa formativo da cidadanía democrática por un proxecto de adquisición de habilidades técnicas. Algúns trazos retratan este modelo educativo que se acepta sen crítica e sen ponderar as súas consecuencias.

O primeiro é a transformación do que se entende por coñecemento e ignorancia. Coñecer é posuír recursos intelectuais e morais para analizar, comprender e actuar, con autonomía, sobre a natureza e a sociedade. Ignorar é sinónimo de carecer deste saber e da capacidade de actuación moral autoconsciente. Porén, a educación na posmodernidade rexeita os saberes que proporcionan unha visión crítica, global, argumentada do mundo (ética, filosofía). Valora como inadecuados os que dan sentido ás situacións e contextos humanos (linguas clásicas, historia, literatura, arte). Inclusive eliminará a ciencia (física, química, bioloxía, entre outras) do panorama educativo. Esta visión é compartida, con matices, por tecnófilos felices (McLuhan, B. Fuller), tecnófilos angustiados (Mumford na década de 1930), tecnófobos esperanzados (Goodman, Illich, o último Marcuse), e tecnófobos sen esperanza (Ellul, o último Mumford, o primeiro Marcuse). Todos sinalan que o cambio acontecido pola especialización e tecnoloxización da contorna humana é radical e irreversible. Primeira pregunta: este cambio é produto de decisións conscientes e meditadas ou da entrega incondicional ás decisións dos tecnocientíficos capitalistas posmodernos?

O segundo trazo segue a ser visible: o mundo da vida posmoderno, penetrado até a cerna polas tecnoloxías da información e a comunicación, prescinde progresivamente dos saberes. Substitúense por aplicacións vendidas (e mercadas) como asépticas, neutrais, non ideolóxicas. Aplicacións cuxa obsolescencia fai imprescindibles novas e máis refinadas aplicacións. Segunda pregunta: que pasará cando a educación tecnolóxica produza persoas sen referentes nin referencias intelectuais e morais para xulgar, ou criticar, a propia tecnoloxía?

O terceiro trazo resulta menos patente. A educación posmoderna está a crear un círculo pechado no que ningún saber ten sentido por si mesmo. Os coñecementos só teñen significado se nos dispoñen para unha aplicación. A novidade histórica radica en que a tecnoloxía posmoderna non necesita xustificacións para seguir o seu camiño. O circuíto especialización-aplicación-tecnoloxía xa non precisa lexitimacións para funcionar. A súa presenza física é a súa xustificación. Sen dar razóns, autoxustifícase. Terceira pregunta: que acontecerá cando para lexitimar a existencia de calquera realidade non se recorra a argumentos, deliberacións e debates, senón á forza do fáctico, do producido e do que é posible producir?

O cuarto trazo é a ruína da aprendizaxe dos saberes con fundamento. Creban os fundamentos como a verificación crítica, o contraste experimental público, a coherencia teórica, o consenso racional. A educación posmoderna cualifica de relatos, perspectivas, narracións, os saberes máis sólidos. Promove o relativismo intelectual coa escusa de redimirnos da inseguridade (dúbida obxectiva, consciencia dos límites do saber, paradoxos) que introducen os saberes sólidos e os seus métodos. Os saberes tórnanse irrelevantes por estériles: non xeran innovadores produtos mercantís. No mundo da tecnoloxía posmoderna cada resolución de problemas crea novos e complexos problemas e, xa que logo, novos produtos e mercadorías. A automultiplicación de problemas é o seu algoritmo reprodutor. Desaparece a busca da verdade, a saída da ignorancia, a construción dun mundo verdadeiro e fraterno. Cuarta pregunta: impoñerase a toda a poboación esta irrelevancia da aprendizaxe dos saberes fundamentais ou excluiranse as elites, que continuarán a ser educadas nas ciencias duras e humanidades clásicas?

O quinto trazo dedúcese do anterior: a omnipresenza física dos artefactos tecnolóxicos e programas, eríxese como factor principal (e case único) de maior desenvolvemento. Isto xustifica a satisfacción prioritaria das súas necesidades e reclamacións cos recursos máis poderosos dunha nación ou estado (coa súa conseguinte sobreestimación social). Quinta pregunta: que tipo discurso ideolóxico (nin científico, nin filosófico) intentará convencer de por que hai que prover de recursos ilimitados este novo modelo?

O sexto e último trazo é o que fai deste artigo algo non asumible pola disposición posmoderna: ás razóns non tecnolóxicas négaselles o dereito e a autoridade de interferir na dirección que toma o desenvolvemento. A nosa reflexión, ao non dispoñer da capacidade de autoreproducirse con velocidade técnica e aplicabilidade arte-fáctica, é indiferente. Tolérase porque, en realidade, xa non existe neste novo mundo.

Comentarios