miércoles. 30.09.2020 |
El tiempo
miércoles. 30.09.2020
El tiempo

Educación e alimentación

A educación non consiste só na adquisición duns coñecementos, senón tamén duns valores de convivencia que nos forman e preparan para a vida futura na sociedade.

Dentro deste concepto amplo da educación está tamén a adquisición duns  hábitos alimentarios saudables, de hixiene persoal e de boas maneiras na mesa. Neste sentido temos que recoñecer que a dieta nos fogares non é en bastantes ocasións equilibrada e saudable, como o mostra o problema crecente de obesidade infantil e xuvenil. Nesta materia o papel da familia pode ser complementado polo comedor do centro escolar.

Por iso son preocupantes o retroceso e os recortes nos servizos de comedor que ocorreron durante o último curso escolar. Houbo problemas nos servizos de comedor a comezos do curso e despois nos atrasos nos pagos a centros escolares e no cesamento de prestación destes servizos en oito centros escolares situados en municipios rurais de Lugo e Ourense. Ademais tamén houbo cambios no pago destes servizos polas familias, elevando considerablemente o seu importe e impoñendo o cobro adiantado por meses completos.
Desde a Xunta xustificouse o novo sistema de pago como unha simple aplicación da normativa do cobro de prezos públicos. E o cesamento dos servizos de comedor como un aforro orzamentario polo menor custo mediante empresas de catering que a cargo de persoal propio en comedores con menos de trinta alumnos.

Detrás destes cambios entendo que hai algo máis; unha concepción diferente da prestación dun servizo básico, como é a educación e un retroceso sobre a anterior situación.

Os cambios introducidos no último curso alteran os principios do decreto do ano 2007 que regulaba estes servizos e establecía que a organización, administración e xestión económica dos comedores escolares correspondía á comunidade educativa do centro, representada polo consello escolar. Deberíase realizar polos propios centros, quedando só os servizos de catering para casos debidamente xustificados.

Entendo que é importante a prestación adecuada do servizo de comedor como parte dunha educación global, da que forman parte a incorporación duns hábitos alimentarios saudables. En segundo lugar vén a racionalización do seu custo, pero non antes. Non se poden conseguir falsos aforros á conta da deterioración na prestación do servizo.

A prestación do comedor por persoal do centro baixo a supervisión da comunidade educativa pode permitir un control máis directo e personalizado aos alumnos para facer fronte a algúns casos singulares que se poden presentar. Tamén está por ver que o seu custo real supere ao catering para unha prestación similar do servizo.

No cesamento de servizos propios do comedor neses oito centros escolares hai ademais un novo caso de deterioración na prestación de servizos en municipios rurais. Neste sentido convén lembrar que o declive das zonas rurais está asociado en primeiro lugar ás menores oportunidades de traballo e xeración de rendas, pero tamén ás condicións de vida, das que forman parte unha adecuada prestación de servizos públicos, que neste caso pódense estar a deteriorar realizando falsos aforros.

Educación e alimentación
Comentarios