"Sempre me perdo no metro de Lisboa, os planos non se adaptan ao sentido das liñas"

Eduard Velasco: "Reivindico que o día das Letras Galegas sexa laborable para que poida ter éxito real"

O filólogo Eduard Velasco vén de gañar, designado unanimemente polo xurado, a segunda edición do Premio Díaz Castro de Poesía que convoca o Concello de Guitiriz coa obra '‘O filósofo coxo'’. Este recoñecemento, que lle reportará 2.000 euros e a publicación do poemario en Espiral Maior, únese a distincións anteriores no Leiras Pulpeiro ou no Pérez Parallé
Eduard Velasco
photo_camera Eduard Velasco

Nado en barcelona no 1982 e afincado en Santiago de Compostela, Eduard Velasco é profesor, escritor, tradutor e tamén libreiro, logo de pór en marcha en 2016 Chan da Pólvora. Ao seu amplo currículo únese agora o ser o gañador da segunda edición do Premio Díaz Castro de Poesía.

Que foi o primeiro que se lle pasou pola cabeza cando lle dixeron que gañara o Díaz Castro de poesía?

Estaba en Salcedo, no Entroido, e vin o móbil de casualidade porque tiven que abrir a mochila para lle coller a merenda ao pequeno. Pensei que sería moi gracioso que non me desen localizado e chamasen ao seguinte.

Por que se decidiu a participar neste certame?

Tanto no 2015 coma no 2016 fun algúns días ao balneario de Guitiriz e cando vin que se convocaba o premio pensei que me faría graza gañalo. Que o libro se publique en Espiral Maior é un motivo fundamental para escollelo.

En só dúas convocatorias este premio recibiu máis de cen orixinais, os poetas necesitan este tipo de vías para darlle saída á súa obra?

As editoriais que arriscan coa poesía son as pequenas e as especializadas. De todos os xeitos, eu nunca mandei un poemario a unha editorial, presenteinos a premios e tiven sorte. E teño claro que a do xurado é unha decisión de consenso: nin gañar asegura que o texto sexa boísimo nin non gañar implica que sexa malo.

"A distinción literaria é un recoñecemento a un traballo ben feito e a dotación económica é unha alegría para o peto"

Non é o seu primeiro recoñecemento neste tipo de concursos. Que o leva a presentarse e que supoñen estas distincións?

Eu escribo porque me apetece e preséntome a premios porque necesito diñeiro. Como escribo para que me lean, teño que publicar. Ademais, iso permite ceibar o libro e esquecerse del. Se a distinción literaria supón o recoñecemento dun traballo ben feito, a dotación económica é unha alegría para o peto. Está moi ben poder recuperar algo de cartos a través da cultura despois de investir o ano pasado nun proxecto cultural.

Falando diso, hai menos dun ano cofundou a libraría Chan da Pólvora en Santiago. Como nace este proxecto e que obxectivos ten?

Eu e a miña compañeira, Alicia Fernández, sempre diciamos que sería moi bonito termos unha libraría especializada en poesía na rúa de San Pedro, e falabamos con Antón Lopo de montar unha editorial. Todo eran imaxinacións ata o día que apareceu un local e decidimos que había que facer realidade os proxectos. Somos dúas empresas distintas que traballamos de maneira sinérxica para levarmos adiante cadanseu obxectivo. A nivel colectivo, a libraría funciona coma un espazo estable para que a poesía circule e se mova na cidade. Para nós, como parella, foi un xeito de minimizar a precariedade traballando cun material que nos gusta e non marchar de Galicia.

É libreiro, escritor, tradutor, profesor... hai algún destes oficios que lle tire máis, ao que se dedicaría o 100% , ou son complementarios?

Calquera oficio é complementario doutro e todos os que poidas facer, sexan do sector que sexan, axudan a ser mellor profesor. E como non creo que poida vivir nin da tradución nin da escrita, só queda tentar vivir da libraría ou da docencia. Coido que é moi san que o desexo non se convirta no modus vivendi para non acabar aborrecendo a vocación. Comecei o ano sendo libreiro, pero non sei como o vou terminar.

Naceu e estudou en Barcelona, de onde xorde o seu interese polo galego?

Nace da dedicación ás linguas. Os biólogos estudan as distintas formas que a vida adopta no planeta e nós, os lingüistas, as formas que adopta a linguaxe. Comecei hai 15 anos nas clases de Sabela Labraña. Barcelona é unha cidade ideal para aprender galego: é unha das linguas de uso e investigación das universidades, hai bibliotecas galegas e unha programación cultural estable en galego e sobre Galicia.

Ten publicado o poemario premiado no Pérez Parallé, ‘Ruído de trens’, con Espiral Maior e agora verá a luz na mesma editorial ‘O filósofo coxo’. Ten máis poemarios no forno?

Só teño un conxunto de haikus, en catalán, que escribín entre eses dous. Presenteino a un concurso, precisamente, de poemarios en haikus, pero non creo que lle interese a ninguén. En xeral, escribo moi pouco.

"O estado de saúde da literatura galega é heroico grazas ás persoas que seguen crendo neste país"

Téntano outras formas de expresión?

A min téntame toda forma de expresión, pero especialmente as que requiran traballar coas mans: a pintura, o debuxo, a madeira, a cerámica... Escribo porque non me puiden dedicar ao que realmente me gustaría facer, que é pintar. A escrita non require espazo nin material. Tamén me tentou a fotografía, pero fixeron que a anoxase.

Igual ca Díaz Castro, é tradutor. Cal é o segredo para facer unha boa tradución?

El traducía entre unha cantidade inxente de linguas de familias distintas. Eu só traduzo entre o catalán e o galego, moi próximas entre si. Entendo que as diferenzas que hai que ter en conta na tradución son as culturais. Traducir non é reproducir noutra lingua o que di o texto, senón pensar como se desenvolvería esa situación no contexto da cultura que se expresa na lingua de destino. Para iso, claro, hai que levar vivido nas dúas.

Visto dende dentro, cal é o estado de saúde da literatura galega?

Dado que queren que nos esgotemos, dimitamos e morramos, é un estado de saúde heroico grazas ás persoas que seguen crendo neste país e traballando na cultura galega a prol da súa continuidade. Non hai que deixar que funda o desánimo.

E comparativamente coa catalá? Hai algunha lección que aprender ou transmitir?

Non é fácil comparar porque non teñen nada que ver en termos demográficos e económicos. Os Países Cataláns son 14 millóns de habitantes, fronte a case tres que ten Galicia. En catalán publícanse uns 10.000 libros ao ano e, en galego, arredor de 1.000. Só me atrevo a reivindicar que o día das Letras Galegas sexa laborable para que poida ter éxito real. En Cataluña o día de Sant Jordi é masivo porque non é festivo, senón que é un día de traballo que se converte nun día de festa.

Comentarios