''E quen ha espallar, logo?''

Unha vintena de homes e unha muller fixeron unha exhibición de malla tradicional no Festival Folk no Río, que rematou este domingo no Corgo.

José Torrón lembra aínda cando participaba nas mallas de Fonteita, no Corgo da súa mocidade, hai sesenta anos. Daquela el sumaba quince e separar o gran da palla era unha obriga á que era preferible escapar. "Xuntábamonos dez ou doce nunha aira, colocabamonos dunha banda e doutra, e pegamoslles cuns paos chamados ‘malles’", explica cun ánimo didáctico como se a xente máis nova ca el ignorase todo a respecto da malla.

A continuación, vai enumerando cada labor e cada instrumento que integraba o proceso de separar o gran da palla exhibindo o seu amplo coñecemento deste traballo. Nichela, coaña, gran, meda, pan, espallar, ferrado... José podería escribir un diccionario do tema se lle dese por aí.

Esa sabedoría valeulle para figurar entre a vintena de voluntarios que reviviron este oficio dentro do Festival Folk no Río, que rematou este domingo en Chamoso, no Corgo, cun concerto de varias agrupacións folklóricas e a gaiteira Cristina Pato. Estes músicos e danzantes levaron sons tradicionais ao espazo recreativo no serán, pero houbo outros sons tradicionais na tardiña. Eran as bandas sonoras da ‘Diter’, ‘A Suíza’ e máis ‘A Campeva’; que non son un trío de cantareiras, senón as tres máquinas que se utilizaron na demostración da malla.

Ben o sabe o corentón José Arias, quen se ocupou de que chegasen ata o campo onde se desenvolveu a mostra. ‘A Diter’ é un motor para mover ‘A Suíza’, unha desgranadora. Ambas as máquinas coñéceas ben porque son da súa casa, no lugar corguense de Hospital. "O meu pai, Óscar Arias, comprou a máquina xunto co meu avó para ir á malla a onde os chamaban. Ás veces ían á Fonsagrada, e, como levaban os aparellos en carros, tardaban un par de días", apunta.

A profesión arraigou na casa dos Arias e aínda entrou outra máquina, unha desgranadora ‘Suíza’ "en moi mal estado, da que o meu pai aproveitou o cilindro e restaurou o resto. Nunca se dedicou a ser carpinteiro, pero ese debería ser o seu oficio porque ten boa man", comenta este afeccionado. José resalta a implicación da súa familia na malla e explica que "as mellores eran as ‘suízas’ e máis as ‘Ajuria’, que facían en Vitoria; daquela eran coma os ‘Mercedes’ na malla".

El nunca axudou nunha malla real —"soamente teño 40 anos"—, pero si tomou parte na exhibición do ano pasado e repetiu na deste porque gusta de que se manteña a tradición e asemade é o seu xeito de agradecer ao seu pai que dedicase "cinco meses a tempo completo, porque está xubilado", a rehabilitar ‘A Campeva’.

Nacho López, de 29 anos, estreouse este ano na exhibición "porque quero que se manteña este oficio e que a xente nova poida coñecer como era". Por ese motivo, polo de "amosar aos mozos os traballos e os sacrficios que pasabamos", Felicitas Ferreiro sumouse á festa. "Agora dáselles todo feito, van ás panaderías comprar o pan; case que hai que dárllelo comido", ironiza.

A súa presenza vestindo a camiseta da festa e co pano vermello identificativo no pescozo foi destacada por ser a única muller entre os vinte homes que se situaron arredor das máquinas e xunto a unha meda de catro metros de alto para comezar o traballo baixo o sol pesado. "Non hai máis mulleres? E quen vai espallar?", preguntaba a voces un deles, consciente que a distribución das tarefas por sexos era algo moi tradicional.

Comentarios