miércoles. 19.01.2022 |
El tiempo
miércoles. 19.01.2022
El tiempo

É que levo toda a mañá con el e collinlle afecto

Os Pelúdez participan na oferenda ao santo Froilán e fan unha pregaria

Cando visitaban a Feira de antigüidades e coleccionismo, Pelúdez dixo:

-Sendo mozo fixen unha colección de zocas que viñan mirala dos pobos veciños. Xuntei máis de cen. Collía as que se estragaban dos sachos, ou as que tiñan buratos de vellas, botáballes terra ata enchelas y logo sementáballes marmeleiros cativos. Tíñaas expostas no cabozo e os domingos pola tarde chegaban familias enteiras a velas.

-E todo iso, pra que? -pregúntalle Reborita das Arieiras.

Quen contesta é a súa consogra Filomena.

-Trangalladismas deste, que xa era toleirán antes de que lle agromase a barba. O Peludo pensaba que dese xeito o marmelo medraría con sabor a queixo e daquela aforraba na sobremesa.

-Pois non está mal traído -opina a Reborita.

-Mamai! -bérralle a súa filla Vanesa- Non te decatas de que a zoca con marmelo é a chafullada dun tolitates, como cando dixo Franco que tiña o motor de auga?

-Ai, filliña! Se o marmelo xa trae o recendo a queixo é coma o iogur, que agora chos venden co plátano metido.

-Fiu, fiu! -asubía o Peludeciño -Imos falar doutra cousa, que hoxe é día santo.

E logo ollando pró pai, pregúntalle:

-Que leva aí nesa bolsa que tanto apreta nela?

-Isto? Non é nada. Bo, si. Unha sorpresa.

-Quen vai vir á catedral canda min, coa Banda Municipal, Raíces do Campo e mais a alcaldesa Lara prá facer a oferenda ao santo Froilán, a carón do bispo e diante do Santísimo? -indaga a Filomena.

-Maradona non xoga? -fai a brincadeira o Harrison, que xa está feito un rapazolo.

-Pois quen vai ir? -di Pelúdez- Todos! Ou é que cando hai un convite a cienfalópodo, alguén queda na casa?

O argumento non tiña volta de folla e aló que fomos a cotropea ata o templo catedralicio, que estaba ateigado de xente.

Mal que ben atopamos asento no coro e alí sucedeu todo dentro da normalidade ata o momento xusto da oferenda. Entón érguese o Pelúdez, abre a bolsa de plástico, e tira dela unha cesta de vimbio e un cienfalópodo que tamén viña dentro. De contado, moi serio e comedido, foise arreconchegando á ringuileira de nenas que desfilaban cara ao altar e quítalle o posto a unha delas, de xeito que cando chega diante do bispo Carrasco e da alcaldesa Lara, no canto de desagarrar a cesta, dille polo baixiño a don Alfonso:

-Van ser soamente dúas palabriñas de nada.

-Pelúdez! A modiño, que te coñezo!

O tipo pega a volta e di:

-Eu queríalle pedir ao santo no seu día que mirara prá nós un pouco máis que de costume porque está a cousa moi maliña e do mesmo xeito que botou os ratos de Ruitelán e prohibiulles voltar a ese pobo cando lle comeran os libros, faga agora o mesmo cos ratos que queren comer nos nosos libros, nos nosos cartos e no noso entendemento. Ti xa sabes, Froilán, do que falo. E máis nada. Aquí te deixo este cienfalópodo como oferenda.

O bispo respira acalmado e o home bisbéalle de novo na orella.

-Logo da misa non haberá problema de que recolla o animal, non si? É que levo toda a mañá con el e collinlle afecto.

Don Alfonso asente, máis que nada prá que avance a vindeira nena e que lisque de alí o festeiro, que xa tivo protagonismo de abondo.

Cando volve ao coro onde estamos, comenta:

-Tiña que facelo. O meu vén de fábrica.

Á saída tiñan cita con Lourdes Abuide, de Onda Cero, que facía o seu programa a carón do Concello.

-Como lles vai nas festas?

-Coma os fusileiros.

-E logo?

-Imos tirando.

-Cansos?

-Si, de rir.

-Iso está ben. Cantos sanfroiláns levan coñecidos?

-Cento nove.

-Non serán moitos...!

-E tanto que o son, pero que quere? Vanse xuntando, vanse xuntando... Pior é o de Miguel de Cervantes Saavedra.

-Que lle pasou?

-Que leva catro séculos sen vir ao San Freilán. Viva o santo!

É que levo toda a mañá con el e collinlle afecto
Comentarios