sábado. 04.07.2020 |
El tiempo
sábado. 04.07.2020
El tiempo

''E por que non un 'Galicia 2012'? En Eurovisión pode pasar calquera cousa''

Lucía Pérez, onte en Düsseldorf (Foto: Izaguirre)
Lucía Pérez, onte en Düsseldorf (Foto: Izaguirre)

A representante española en Eurovisión, Lucía Pérez Vizcaíno (O Incio, 1985), fala baixiño porque ten que reservar voz. «Hai que estar perfecta o sábado», chancea. A súa afirmación foi alabada como a mellor dos 'Big Five' durante os ensaios, pero ela non sabe nada. Iso si, fe ten toda a do mundo e, así mesmo, é a hora de soñar co triunfo.

Hai en Düsseldorf unha rúa que se chama Mercedes, e non ten nada que ver coa chorada muller de Afonso XII. Esta é unha cidade industrial que esta semana bule máis do habitual. Hai homes de negocios con maletíns por todas partes. E tamén hordas de xente con sombreiros de cores e bandeiras pintadas na cara que adoran a Carola ou a Jonnhy Logan. Os taxistas preguntan: «Feira de maquinaria ou Eurovisión». No medio e medio de todo este fregado, unha de Lugo.

Seica a súa intervención foi moi comentada...
Ahhh, si? Gústanme as boas noticias. A verdade é que non teño tempo para nada. Non sei que se di de mín e, fóra da miña axenda, tampouco estou moi ao tanto. Cando volva á casa xa me poñerei a mirar periódicos, críticas, os foros...Váiseme acumular o traballo, pero agora non podo estar a todo iso: volveríame louca!!!!

Ten vostede algo de meiga, ou moi de bo ollo, no seu defecto. Levan tempo dicindo que Suíza e Islandia son das súas favoritas, ninguén daba moito por elas e aí están, na finalísima.
Pois si que están. Á rapaza de Suíza escoiteina cantar nunha festa na que coincidimos e ten un directo boísimo. Tamén os islandeses traen unha canción melancólica e bonitiña que dá moi bo 'rollo'. É un gusto escoitalos... É que en Eurovisión hai grandes cancións e grandes intérpretes! A ver se en España a xente se dá conta diso...

E o espectáculo tampouco ten por que ser unha mala opción; sobre todo se se ten en conta moito do entretenemento televisivo actual...
Claro que si. Non dan outras opcións mellores. Á xente gústanlle os programas musicais, para toda a familia. Malia as críticas, Eurovisión acada un 40% de 'share' en España.

Falabamos de que pasaron dúas das súas favoritas; porén, ficou fóra Noruega, que era unha das máximas favoritas... das casas de apostas e de moitos eurofans...
As cousas son así e isto demostra que o das apostas e as cábalas non vale sempre. Nunca está todo o pescado vendido e en Eurovisión pode pasar calquera cousa.

Que me pode dicir atalora do periplo alemán?
Estou ilusionadísima. Contenta, sen parar.

Chegou xa o continxente familiar?
Veu hai uns días a miña nai. Non sabes o que me gusta que estea aquí; que poida vivir comigo todas estas cousas logo do que temos pasado xuntas estes anos, mentres eu me facía un oco no negocio e ela perseveraba comigo.

E seica tamén vai haber representación do club de fans, non si?
Chegan mañá [por hoxe] o meu mozo, tíos, primos, amigos e Juanra, que é presidente do club de fans...

Para arroupala. Sabe que nalgún foro xa se comenta que 'Que me quiten lo bailao' pode ser o 'black horse', a 'tapada' desta edición?
Que me dis!!! Esta ben iso de que me traia boas novas. Si que é certo que é un tema que se vai crecendo; que gaña moito desde a versión inicial que se veu no videoclip ata a que presentamos en directo: cos coros, a coreografía, o vestiario...

Que tal se atopa co seu vestido lugués que levará na final?
Estou comodísima. Sara e Maru fixeron un gran traballo. Podo dicir que unhas das traballadoras do festival, cando mo viu posto —e ten en conta que fun a derradeira en ensaiar— comentoume que era o vestido máis bonito que vira pasar. Como oes!

É moi descabelado soñar cun Eurovisión Galicia 2012? Onde o faría?
[Ri] Valeríame en calquera sitio!!!

Na Cidade da Cultura, para darlle contido?
Pois por que non? Non sería un mal contido para a Cidade da Cultura. Este certame move moitísima xente.

RECEPCIÓN
Unha artista que sabe facerse querer por propios e estranos

Na cafetería onde se produce este encontro coa cantante do Incio, Lucía Pérez ten tempo para responder ás preguntas que lle formulan os internautas de Radio Televisión Española (RTVE), para facerse fotos cos eurofans propios e alleos que a coñecen, e mesmo para corear o seu tema, 'Que me quiten o bailao', mentres soa no equipo de son do establecemento, situado xunto ao río Rin.

O policía alemán que se encarga do dispositivo de seguridade montado para garantir a tranquilidade da representante española está encantado coa moza do Incio, e non deixa de facerlle brincadeiras.

Lucía gusta. Gústalle ás voluntarias do centro de prensa, que, chapa de Lena mediante, aseguran que é 'súperfeitiña' e que ten a voz moi doce. Gústalle a unha taxista entrada en anos que lembra unha festa organizada estes días na que se escoitaron clásicos do certamen; míticos da categoría de Johnny Logan.

E acaba por gustarlle tamén ao eurofan máis enciclopédico, como un grupo sueco que sube no metro ata o Esprit Arena, onde se celebra a final.

Un deles, que se erixe case en calidade de voceiro dos outros afeccionados ao festival de música popular que organizan as televisións públicas de toda Europa, asegura que «escoitei 'Que me quiten lo bailao' a primeira vez e pensei que era unha canción simplona. Logo a puxen no coche, ben forte, e pareceume divertida. E canteina».

Añade que «agora escoiteilla a Lucía e coido que a defende ben. Non a vexo como unha canción gañadora, pero é divertiva, pegadiza e pode facer un bo lugar». E incide na idea da cantante do Incio: «En Eurovisión pode pasar calquera cousa. E iso é o que nos gusta!»

''E por que non un 'Galicia 2012'? En Eurovisión pode pasar...
Comentarios