jueves. 19.05.2022 |
El tiempo
jueves. 19.05.2022
El tiempo

...e eles se xuntan

UN contempla a fotografía que publicaron algúns xornais este pasado venres na que aparecen os vinte e tres xerifaltes que argallan a cousa esa do Banco Central Europeo que se viñeron xuntar en Barcelona estoutro día e non acaba de entender moi ben que fixesen falla máis de oito mil axentes de policía para reparar deles. É certo que as cantidades de diñeiro coas que negocia, ameaza, somete, comprace, amoesta, inflúe e goberna calquera deles resultan de todo inimaxinables para o común dos mortais, pero é de supoñer que non trouxesen os cartos canda eles, polo menos non todos. Dísenos ao pé da foto que son os dezasete gobernadores dos bancos centrais de cada un dos países do euro e, ademais, seis membros do comité executivo -todos homes- e paga a pena dedicar algo de tempo a se fixar en cada un deles, na postura do corpo, no grao de interese que demostra ao se saber retratado, na colocación das mans -mesmo hai un que ten as dúas metidas nos petos do pantalón e calquera mal pensado podería supoñer que o fai para protexer a billeteira que alí garda, sabedor de quen son os que o rodean-, tamén, por aqueles que saiban quen é cada quen, cómpre observar o lugar que ocupan, a quen se achegan uns e outros e, sobre todo, a feitura do sorriso que se ven obrigados a ofrecerlle ao obxectivo da cámara.

Porque -polo menos nas fotografías da prensa e nas aparicións dos informativos da televisión, que son as únicas ocasións que as xentes do común temos de podelos contemplar- os banqueiros teñen de seu cara de mala uva, moita, e falan acentuando o ademán de quen ten a obriga de estar sempre cabreado co resto da humanidade debido á recalcitrante estupidez que nos é propia polo mero feito de nos mover polos círculos da parte de abaixo e que nos impide, ás veces, arar polo rego que eles teñen trazado coa submisión que esixen. Esta incómoda adustez tamén parece ser característica das señoras banqueiras -véxase, se non, a fasquía coa que a presidenta do Fondo Monetario Internacional fai chegar ao mundo os seus pouco alentadores agoiros-, e mesmo a aqueles que profesan o oficio desde un corpo festeiro e de mans apalpadoras como monsieur Strauss-Kahn.

Esa actitude acaba por contaxiar a quen andan máis de preto a lles facer as beiras: xefes de goberno, ministros do ramo e profesionais do peloteo, entre outros moitos, de xeito que soamente aparecen risoños cando un lle bota a outro as mans á gorxa como lle fixera aí atrás o presidente do Eurogrupo ao ministro español de Economía, ou como cando, este pasado venres, o señor De Guindos aparece nas fotos «dando un cariñoso cachete» ao ministro de Finanzas de Francia, algo que, como é lóxico, non entusiasma demasiado á xente do común, que non entende demasiado ben o que de divertido poidan ter eses xestos agresivos, sobre todo polo que teñen de solapada ameaza.

...e eles se xuntan
Comentarios