sábado. 04.04.2020 |
El tiempo
sábado. 04.04.2020
El tiempo

''Es cómodo rodar en la Residencia''

O director, Jorge Algora -con camiseta negra-, nun descanso da rodaxe. sebas senande
O director, Jorge Algora -con camiseta negra-, nun descanso da rodaxe. sebas senande

O equipo que está rodando ‘Sen embargo, quérote’ no hospital vello de Lugo ten ao seu dispor unha chea de caramelos Sugus. A propia rodaxe desta película de Jorge Algora é un pouco así: chea de xente nova, doce, colorida e agradable.

A historia que contan é máis gris e amarga. Tal e como conta unha das protagonistas, Deborah Vukusic, «estamos tratando de que quede en drama e non pase a melodrama». Un vinteaneiro celebra o seu aniversario, que vai pasando de feliz continuidade a amizades interrompidas e un careo cun pandemonio de desgrazas que padeceron xuntos.

Os técnicos e os actores ocuparan onte un dos ‘box’ nos que se dividía Urxencias para rodar unhas escenas sanitarias posteriores a un intento de suicidio do protagonista, Christian Escuredo. O actor, co medio corpo enxesado e a outra metade cuberta de negróns, facía o seu papel de catástrofe persoal deitado nunha cama rodeada de aparellos electrónicos de control.

Debía finxir sufrimento, tanto como tiñan que interpretar os seus pais na fición, Alfonso Agra e Belén Constenla, porque o resto do traballo era prácido.

O director coruñés, que chegou ao vello hospital co temor a verse afectado polas protestas dos veciños da Residencia, amosábase encantado pola tranquilidad coa que estaban rodando. Ao primeiro, atoparon as dependencias cun ambiente de mudanza prebombardeo, pero logo as acondicionaron.

Algora mesmo propoñía que se deixase unha parte da dotación para facer películas e series «porque ten condicións ideais».

Jorge Algora amosábase satisfeito «polo ben que se fusionaron os grupos de actores» que seleccionou para unha rodaxe que comezaba baixo a sombra ampla de ‘O neno de barro’. O realizador enviaba cumpridos dende a antiga Uci e volvíanlle aumentados procedentes da outra banda do macroedificio, dende os baixos do que foi Materno-Infantil, onde as maquilladoras instalaron o seu reino de luces, espellos e pinceis.

Deborah Vukusic argumentaba que Algora «é un director que dirixe, algo moi importante para nós, porque sabe onde ten que tocar a un actor para conseguir o que quere».

O seu compañeiro -e noivo ‘corneado’ no guión- Rubén Prieto destacaba que «é actor tamén, e iso nótase», antes de comentar a súa sorpresa porque está máis «tranquilo do que pensaba grazas a que Algora permíteche traballar sen agobios». «Non pensei que ía estar tan relaxado nos ensaios como na gravación», comenta este fillo dunha guitiricense e dun xermadino.

Vukusic sinala que o director «ten moita tranquilidade e está tendo moita paciencia con nós», pero iso non determina un ritmo máis vagarento de rodaxe. Ao contrario, «é moi rápido e eficaz, porque resolve con tres ou catro tomas». «Unicamente teño que preocuparme de dar un pouco de cor á miña personaxe porque a pobre bota a película sufrindo», bromea a actriz.

Veteranía

Tamén se amosa cómoda Belén Constenla, non soamente pola súa veteranía, senón tamén porque coñece a Jorge Algora «dende que era un rapaz». «Estaba eu actuando en Lugo co Centro Dramático Galego e achegouse ata os camerinos para traernos flores a María Bouzas e máis a min».

A intérprete mira con «optimismo» ás novas xeracións de actores, como son os que comparten estes días o hospital vello de Lugo con ela, «pero non soamente porque teñen técnica, que agora contan con escolas, senón porque se lles ve serios no traballo e con gañas de traballar». Engade, xa nun plano profesional, que «traballan ben para o de enfronte, que é moi importante».

Belén Constenla bateuse en tantas batallas dramáticas como Alfonso Agra, que agora volve gozar dun ‘non hai entradas’ teatral con ‘O florido pénsil’. Agra lamenta que a xeración emerxente esté atopando máis problemas para formarse no plano práctico «porque son moitos menos os proxectos que se poñen en marcha».

Ambos os actores asumen que, a pesar de proxectos como ‘Sen embargo, quérote’, «o parón non acabou e veñen anos moi complicados, para uns máis e para outros menos, pero van ser complicados», en palabras de Alfonso Agra.

Agra dóese de que «foron anos nos que se crearon moitos postos de actores e técnicos en Galicia, e agora temos un baixón. O camiño percorrido foi moi importante e imos tardar anos en volver a poñer en marcha todo iso».

A impresión de Jorge Algora era distinta, quizais porque el precisa da confianza para que non se deteña o seu proxecto. «As cousas empezan a moverse», manifestaba hai quince días, cando ultimaba as localizacións para a película.

Polo de agora, os seus asistentes de cátering converteron o antigo acceso de ambulancias á Uci nunha mostrador de Sugus, Fanta, Coca Cola e outros elementos que decoran os paraísos perdidos de todos os nenos.

''Es cómodo rodar en la Residencia''
Comentarios