É coma se celebran o Día do Millonario e non vai o Amancio Ortega

A familia quere estar na Deputación, no Concello, na Praza de Abastos e no Auditorio

Pelúdez chega á cita coma se fose perder o tren.

-Hoxe teño unha axenda apertadisma, que nin os deputados en campaña, cando toman a sopa en Castro, o filete en Abadín e a sobremesa en Xove.

-Non será tanto. Estamos en festas e hai que ir a modiño-díxenlle por ver se o acalmaba.

-Tanto e máis. Escoita, cariña de pantrigo. Teño a entrega dos premios no concurso de tapas, que non podo faltar por se cae algunha. Teño o concurso de polbeiras, que se non estou eu é coma se celebran o Día do Millonario e non vai o Amancio Ortega. Teño a Gala do Deporte do Progreso, pois seguramente leve o premio na especialidade de Desorientación. Teño a emoción de censura na Deputación, que se...

-...non vai vostede, non hai presidente.

-Tampouco te pases, que eu aínda non dei o Si a Durán e Lérida.

-Pero logo, vai ir ao pleno?

-Abofé!

Agora intervén a muller.

-Le tiene que ir porque pola mañá chamouno o Besteiro e logo a Candia, e os dous coa mesma cerellada. Que vaia, que vaia; que el é un simbolismo provincial e alí van vivir un acontecemento histórico que vai ser a mundial.

-Vostede dirá, pero eu non o vexo. Deixe que amañen o que teñan que amañar, e logo, calquera outro día, vai por alí e recíbeno coma un señor.

-Que che falei? -apoia a Filo- Namentres non teñas a acta do DiU, non vas a nada.

-Que é iso do DiU? Un preservativo?- pregunto estupefacto.

-Ca! É o partido que o tenta! Desconverxencia i Unió. Non ve que andan descuaxeringados?

Pelúdez colle o pucho e comeza a darlle voltas nas mans con moito comedimento ata que estala.

-Xa está! Vou, pero non entro e daquela ninguén pode dicir que non lles fixen caso.

A Filomena aproba a decisión da súa parella.

-Moi boa idea! Non, se ti cando te pos, razoas mellor cos Ortega e Gasé xuntos.

Dese xeito fomos ata San Marcos, aconchegámonos á porta, e de seguido pegamos a volta cara ao Concello, onde xa comezara a entrega de premios.

-Estes actos sempre teñen un alto contido na loita contra a currución.

-Por que o dis? -interésase a muller.

-Home, está ben diáfano! Cando aparece un curruto total, sempre hai alguén que di: Tapa, tapa...

-Toda a miña vida dixen que che quería máis polo que tes de babiolo, que polo que tes de juapo.

Contabamos só con media hora entre o concurso das polbeiras e os premios do Deporte, polo que foi necesario establecer unha estratexia moi rigorosa.

_-Cronometemos os nosos reloxos. Eu teño as oito cuspidiñas.

-Cuspidiñas a quen? -pregunta a Vanesa.

-Cuspidiñas ás oito da mañá, sendo estas as da noite.

-E que máis?

-Non sei, pero é o que fan no cine cando queren atracar un banco.

-Imos desvalixar o Banesto? -di o Peludeciño moi ledo.

-Imos ver as polbeiras, pero como prosiguamos facendo o parvo, van pechar a praza con nós dentro.

O concurso aínda non comezara e o Pelúdez meteulles présa.

-Eses rabos xa tiñan que estar cortados!

-Coma non che corte eu o teu! -repostoulle unha concursante coas tesoiras na man.

-Señora, non habería problema se fose meu, pero é ganancial e ten que falar coa outra parte, que é a que leva o tema da administración.

Por sorte, todos deron en rir e aquilo rematou en nada, porque non levaba bo camiño. A reconciliación foi total cando lle ofreceron a proba e Pelúdez dixo:

-Este é o que se di un rabo ben cortado. Déanlle o premio e non se fale máis.

Axiña collimos as pernas e liscamos con tempo pra sentar onde tiñamos a reserva no Auditorio.

Foron saíndo os premios cun Pelúdez cada vez máis nervioso.

-Xa verás, este ano quedo fóra polo tema do doping, cando me colleron botando un grolo na metade da maratón de Lampazas.

Pero a tranquilidade volveu á súa faciana tras escoitar a Branca de Cora, que anuncia:

-E o Premio Especial da Cuarta Idade é... pró Pelúdez!

Entón subiu, saudou e respirou.

-Aínda hai xustiza no mundo!

Comentarios