jueves. 28.05.2020 |
El tiempo
jueves. 28.05.2020
El tiempo

''Dulcinea está inspirada en la madre de Inés de Castro''


Antón Valcarce é un dos monfortinos máis populares. Vinculado sempre á música e a todo o que teña que ver coa cultura e coa súa terra, a súa última aventura é unha investigación sobre a muller que inspirou a Cervantes para crear o personaxe de Dulcinea del Toboso.


‘dulcinea de lemos’ é o título dun pequeno documento obra do cantautor monfortino Antón Valcarce no que defende que Dulcinea del Toboso, personaxe imprescindible da obra ‘El Quijote’, está basada nunha ascendente dos Condes de Lemos.

Cal é, en resumo, a súa tese?

A maioría dos estudosos destacan que no Quixote conviven tres mulleres que en realidade son unha. Unha delas é Aldonza Lorenzo, á que fai referencia o narrador do libro e que define como unha muller de prestixio, dunha casa importante e moi bela. Por outra banda está a propia Dulcinea del Toboso, que é pola que sinte paixón o propio Quixote, e por último, está un pouco a anti-Dulcinea, á que se refire Sancho. Todas as teorías apuntan que as tres mulleres son a mesma, que está basada nunha muller real que, segundo eu considero, é Aldonza Lorenzo de Valladares, nai de Inés de Castro e muller de Pedro Fernández de Castro, alcumado ‘El de la Guerra’, precusor da Casa de Lemos.

Como chegou a esa conclusión?

Hai un punto de partida que é o feito de que Cervantes lle adica a segunda parte da obra ‘El Quijote’ ó VII Conde Lemos, Pedro Fernández de Castro (cuxo nome coincide co do Pedro esposo de Aldonza), pola súa labor como mecenas. Cervantes considera ó Conde de Lemos unha persoa moi sensible coa cultura e a arte e chega a comparalo co Emperador de China. A raíz desa dedicatoria queda probada a relación de Cervantes co Conde e eu considero que recuperando o nome dunha muller da súa familia tamén lle quere facer un guiño ó Conde. A maiores, nalgún momento da obra, Cervantes define á súa dama ante a personaxe de Vivaldo e explica que pertence a unha linaxe moderna que será unha das familias ilustres dos seguintes séculos, iso conecta en nome e rasgos con Aldonza Lorenzo, precusora da Casa de Lemos e nai de Inés de Castro, una muller sobre a que se ten escrito moito.

Como explica que ese guiño do que vostede fala non trascendera, que non se establecera esa conexión tendo en conta a envergadura de ‘El Quijote’?

Creo que o VII Conde de Lemos coñecía ese detalle e iso era suficiente. A maiores, hai moi poucas obras adicadas a investigar a propia Dulcinea por iso non está plantexada a tese.

Cando empeza Antón Valcarce a investigar a relación de Dulcinea del Toboso coa familia dos Lemos e, en consecuencia, con Monforte?

Eu son un namorado da historia e dos libros de historia, e dende ese punto de vista plantexo esta tese. Nun momento dado, lendo a obra de Ricardo Vilariño de Barbeito ‘Monforte, leyendas y tradiciones’, entrei en contacto coa figura de Aldonza Lorenzo de Valladares e a partir diso tirei do fío.

Semella unha conclusión atrevida.

Se cadra é, pero coido que non son o único que reparou nas coincidencias, aínda que ó mellor sí un dos poucos que se atreveu a plantexalas así un pouco de forma máis concreta. A filla de Aldonza Lorenzo é Inés de Castro, como resolve a xeanealoxía de Pardo de Guevara. Sobre esta figura feminina tense escrito moito, Lope de Vega e incluso Víctor Hugo referíronse a ela. Tendo en conta a relación de Cervantes coa familia dos Lemos non é disparatado pensar que o escritor se inspirase nunha muller anterior ó VII Conde de Lemos e da súa sangue para ambientar a figura de Dulcinea del Toboso.

A todas estas conclusións Antón Valcarce chegou sin entrar en internet, case incrible nos mundos de hoxe. Non se anima coa rede de redes?

A verdade é que recurrín a algunha cousa de internet que me trouxo algún amigo pero é certo que eu non teño nada que ver con ese mundo. Para min é máis apaixoante recurrir ós ensaios de Edwin Willianson ou Meter Endress Heinz para buscar as conexións. En internet hai versións moi contradictorias.

Igual o soporte pode resultar complexo para investigar porque hai que purgar moito a información. Pero, non se plantexa recurrir a él para difundir o seu estudo?

A verdade é que nin se me pasou pola cabeza.

Que lle gustaría que pasara con este pequeno estudo?

Publicalo non estaría mal pero para min o mellor de todo sería que servira para dar un pouco de máis relevancia a Monforte. Creo que deberíamos reivindicar as orixes monfortinas de Dulcinea del Toboso ou Aldonza Lorenzo, e que iso fora unha arma máis para defender o noso e sentir certo orgullo. Non podemos esquecer a envergadura de Miguel de Cervantes como escritor nin a trascendencia da súa obra. Se un dos personaxes principais está basado nunha muller real monfortina, é para reivindicalo e promocionalo. Igual que habería que reividicar que a segunda parte de ‘El Quijote’ esté adicada ó VII Conde de Lemos. É un recurso que estamos a desaproveitar.

Pero as investigacións de Antón Valcarce non quedan aí, tamén ten unha teoría sobre as raíces galegas de Miguel de Cervantes.

Sobre iso estou traballando. En concreto eu falo de raíces lucenses na zona de As Nogais, pero é algo que non só eu defendo, é algo que me consta que comparten algúns investigadores e incluso profesores de universidade. É algo sobre o que non quero adiantar moito pero nesa investigación estou traballando.

A outra tese nisto das orixes é a procedencia tamén galega de Cristobal Colón.

Eu non dubido para nada de que as orixes de Cristóbal Colón están en Poio, en Pontevedra, algo que defenden varios autores.

E que sinte un cando está a tirar dun fío e os libros que consulta van afianzando a tese da que partiu, como lle ocorreu na búsqueda da muller que guiou as aventuras do Quixote?

É o orgullo ese do que che falaba antes que se incrementa. É unha ilusión moi grande, eu sei que os meus achegados pensan algo como «xa está o Antón coas súas cousas», pero para min é moi satisfactorio. E, como comentei, o que creo é que se debera explotar máis, porque Dulcinea é un personaxe clave da literatura.

DE PRETO
«A miña idea é sacar disco en xuño con novos temas»

Antón Valcarce investiga os vínculos de Aldonza Lorenzo no tempo libre que lle deixa a música. Algún traballo novo á vista?

A idea é sacar disco en xuño, con temas completamente novos.

Xa ten título? Como definiría o proxecto?

O título é o último, polo de agora está completamente no aire. En canto ó estilo, a min non me gusta moito iso de estilos, non sabería calificalo.

Haberá algo desa canción protesta que o levou en 1975 a gañar o primeiro premio do festival do Grove?

O meu sempre é a canción protesta aínda que coido que agora escribo unha canción protesta máis sútil, aquela dos primeiros anos é moito máis pura.

Algún proxecto máis?

Un sempre está liado con cousas. Agora mesmo co disco e coas investigacións, pero, por exemplo teño uns textos de teatro que escribín na metade da década dos noventa que abordan certos episodios monfortinos e non me desgustaría nada que voltasen saír á luz. No seu momento publicáronse nun xornal.

Se son textos de teatro, non estaría nada mal representalos.

Claro, iso sería o mellor de todo, rescatalos de novo. 

''Dulcinea está inspirada en la madre de Inés de Castro''
Comentarios