Dúas parellas de Lugo protagonizan o programa sobre vodas 'Casamos!'

Dúas parellas de Lugo protagonizan senllos episodios do 'docusoap' 'Casamos!', un espazo no que un equipo televisivo vai canda unha parella durante os días previos á súa voda e asiste á celebración. As parellas están formadas por Almudena e Javi, de Quiroga, e por Conchi e Manuel, de O Corgo.

Zenit Tv e El Progreso coproducen para a Galega este espazo que «conta unha historia de amor de dúas persoas que van casar, pero vai máis alá porque son parellas que teñen algunha dificultade, porque queremos que se vexa que o amor supera todo», comenta a produtora Zaza Ceballos. De feito, «buscamos parellas que crean que o amor está por riba de todo, polo que non miramos se a cerimonia é civil ou relixiosa, ou se teñen fillos, nin a procedencia xeográfica».

Javi e Almudena colocaron o seu amor por riba dunha doenza grave. El padecía unha rara enfermidade que retrasou o enlace e tróuxolles numerosas preocupacións.

'Casamos!' non para na primeira voda, «senón que tamén fixemos vodas de ouro, como é caso de Conchi e Manuel, unha parella do Corgo residente en Madrid e casada hai medio século. Ambos os dous pecharon por uns días o seu negocio de flores para viaxar nun autobús dende a capital de España ata O Corgo acompañados dos fillos, netos e demais familiares».

Escolla

Zaza Ceballos comenta que estas dúas parellas, como as outras do espazo, son resultado dunha escolla a partir de consultas con organizadores de enlaces e con restaurantes.

A produtora recoñece que «non hai moitas vodas de ouro ou de prata», polo que manifestou a súa ledicia por ter atopado un matrimonio coma o lucense, que non soamente se prestou a festexar o seu medio século xuntos, senón «que fixeron votos novamente na igrexa e, curiosamente, diante do mesmo cura que os casou».

A súa celebración é un caso particular, porque abundan máis no programa as vodas en primeiras ou segundas nupcias. A narración do programa comeza nas vésperas do casamento e os protagonistas son os futuros contraentes, «pero tamén os seus familiares e amigos, que falan porque sempre hai xente a favor e en contra», comenta Ceballos.

O relato sobre ese amor complétase cunha entrevista a cada participante, nas que se lles formula un cuestionario que se tira da información que van reunindo sobre eles. A maiores, os noivos protagonizan un «'flashback' sentimental» na que achegar dato e anécdotas sobre a relación.

«Nese momento contan as dificultades que tiveron que superar e as alegrías que levaron», comenta Zaza Ceballos, quen se felicita de que «se emocionan, esquecen da cámara e contan moitas cousas».

A empresaria está satisfeita coas cifras de audiencia, por riba da media da cadea. O segredo, para ela, «é que non facemos un concurso, por iso triunfou». Outro segredo é que «aínda non se botou atrás ningunha parella».

Comentarios