Dúas décadas en común

A asociación de veciños de San Cosme de Nete, de Vilalba, suma 20 anos de historia e case 400 socios. O seu obxectivo é dinamizar o rural, e conségueo con ducias de actividades
Participantes nunha andaina incluída nos actos de celebración do vixésimo aniversario da asociación veciñal de Nete
photo_camera Participantes nunha andaina incluída nos actos de celebración do vixésimo aniversario da asociación veciñal de Nete

«A asociación funciona tras 20 anos, para unha aldea é algo moi importante. Estamos moi contentos e cremos que se manterá moitos anos máis», valora Ángeles Rivas, que bota a vista atrás para recordar como agromou a asociación de veciños de San Cosme de Nete, en Vilalba, hai xa dúas décadas.

«Naquel momento non había nada parecido na parroquia nin nos arredores. Había bastante xente nova e queriamos facer cousas para mellorar a parroquia e axudar á xente», recorda. Co obxectivo de dinamizar o rural crearon unha entidad que hoxe, 20 anos despois, suma 125 unidades familiares, que contados de forma individual alcanzan case os 400 socios.

Neste tempo, fixeron unha morea de cursos, sempre buscando o que lle interesa aos veciños, renovándose sen descanso para achegar cousas diferentes.

Fixeron cursos enfocados á gandería, un sector que foi clave na parroquia nos últimos anos, e innumerables actividades culturais, con cursos de palilleiras, dos que xurdiu un encontro monográfico, ou ximnasia, a actividade que levan organizando máis tempo, dende o ano 1998.

Tamén organizaron varios cursos de tapicería, cestaría, restauración de mobles, gravado de vidro, pintura ou manualidades, aos que se sumaron o ano pasado pandeireta e baile -cun curso de costura crearon os seus propios traxes-, e este ano estrearán clases de gaita e tambor.

A asociación, cunha longa traxectoria, funciona como unha particular administración local, na que cada un ten a súa área reservada, baixo a batuta de Manolo de Carral, «a alma máter» e un presidente ao que a entidade lle rendeu unha homenaxe o pasado mes de agosto, coincidindo coa celebración das dúas décadas de historia en común.

Do departamento de actividades culturais encárganse Mar Dorado (secretaria) e Ángeles Rivas (vogal). De asuntos de camiños e desbroces, o que sería medio rural nalgún concello, ocúpanse José Manuel Suárez e Servando García (vogais), mentres Jesús María Lamas (tesoureiro) e David Vázquez (vogal) son ‘os manitas’ encargados de avarías, electricidade e albanelería. Manuel López (vicepresidente) e Jesús Carreiras (vogal) coordinan todo o relacionado co lixo e Manuel Sierra, José Luis Díaz e Javier Castro (todos vogais) son unha especie de comisión de festas, que tamén integra Ángeles Rivas. Organizan cada ano o San Benito e San Antón o Domingo de Ramos e o patrón, San Cosme e a Virxe da O, a última fin de semana de setembro. Tamén celebran o Lume Novo.

«Non quero olvidarme dos nenos, son os máis colaboradores e tiran dos maiores», explica Ángeles Rivas, que aínda que asegura que «agora é máis complicado conseguir fondos» e que sería positiva máis colaboración entre asociacións, así como xente nova para achegar ideas á experiencia dos maiores, está convencida de que hai asociación de veciños en San Cosme de Nete para longo.

Comentarios