Dúas décadas de malla sen descanso

Varias imaxes da primeira malla meirega, que se recuperarán coa proxección dun vídeo sobre a mesma o día 28 pola noite (Foto: T. López/Barreiro)
photo_camera Varias imaxes da primeira malla meirega, que se recuperarán coa proxección dun vídeo sobre a mesma o día 28 pola noite (Foto: T. López/Barreiro)

A Festa da Malla de Meira está de noraboa, xa que este domingo celebra os seus vinte anos de existencia. Dunha iniciativa que xurdiu por parte duns cazadores que necesitaban trigo para alimentar ás perdices pasouse a unha cita chea de diversión que chegou a ser declarada Festa de Interese Turístico de Galicia.

no ano 1992 unha cuadrilla de cazadores decidiu sementar un pouco de trigo nunha das leiras que tiña un deles no monte. A razón desta decisión foi que o número de perdices que antigamente había nas terras de Meira fora diminuíndo co paso do tempo, e había que cebalas dalgún xeito para que retornasen. Isto, que ó principio xurdiu como unha iniciativa particular para o proveito duns poucos, converteuse, co paso dos anos, nun referente turístico xa non só da comarca, senón de Galicia.

Casualidades do destino, todo o que hoxe é a Malla de Meira naceu a partir dun problema que se lles presentou ós cazadores, pois no verán, co trigo xa segado, había que buscar algún modo de mallalo. A solución chegou por parte dun dos cazadores meiregos, que tiña unha degranadora antiga e un motor de gasolina. Decidiron arranxar a máquina e poñerse mans á obra, e foi nese mesmo momento cando chegou a sorpresa maiúscula, ó ver que moitos veciños se achegaban para ver o espectáculo, e incluso moitos aproveitaron para mallar o seu propio trigo.

Visto o inesperado éxito da primeira edición, acordaron entre tódolos veciños repetir a experiencia o verán seguinte, desta vez diante da igrexa, para que a afluencia de público fose aínda maior. O caso foi que as expectativas se cumpriron con creces, xa que ós asistentes do primeiro ano sumáronse outras xentes chegadas de toda a comarca e mesmo doutros lugares, atraídos pola posibilidade de poder ver as vellas máquinas en funcionamento.

Para o terceiro ano, ó ver que a festa ía a máis, decidiuse programala con maior seriedade e antelación, con máis máquinas, unha comida e tamén con algo de música. Así mesmo, conseguiuse traer un carro de madeira e unhas vacas teixas para darlle un toque máis enxebre. Chegada a hora de comer, tódolos participantes na malla xuntáronse baixo a alameda, aínda que as provisións se quedaron curtas debido ó elevado número de visitantes, que ía en aumento ano tras ano.

Á noitiña desa primeira malla oficial houbo un grupiño de músicos locais que se achegou para tocar unhas pezas e amenizar dese xeito a festa, mentres que todo o mundo gozaba cos bailes e coa satisfacción tralo traballo ben feito.

Co paso do tempo, a Festa da Malla de Meira convertiuse nun referente, xa non a nivel comarcal nin provincial, senón a nivel galego, como unha das actividades populares máis fieis ás tradicións populares de Galicia

No ano 2004, co apoio do pobo meirego e dos seus rexedores e coa aprobación da Xunta de Galicia, a cita meirega foi declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, apoiada no seu valor etnográfico e patrimonial.

Un ano máis tarde, e debido á súa repercusión mediática e tamén social dentro da vila, decidiuse crear unha asociación cun único fin específico, o de preparar e organizar as actividades da malla, que se denominou, como non podía ser doutro xeito, Amigos da Malla de Meira. Desta asociación forman parte na actualidade uns 20 socios, entre os cales se elixe a directiva, formada por catro vocais, tesoureiro, secretario, vicepresidente e presidente.

Esta asociación tamén conta coa colaboración de numerosos veciños e entidades que sacrifican parte do seu tempo libre para mellorar a malla ano tras ano, mediante a introdución doutros atractivos como como poden ser as exposicións de motores e maquinaria antiga ou as distintas agrupacións musicais que amenizan os traballos.

Aínda con todo, e a pesar desta formalización da festa, o certo é que esta non perdeu en ningún momento o espírito co que foi creada, e que non é outro máis que o de gozar mediante a lembranza das antigas tarefas que facían os vellos labregos galegos. Todo se fai con cariño e esmero, de forma tradicional e artesanal, sexan os pratos para o xantar, as actividades previas á malla, a sega ou a elaboración do palleiro.

Con estas, Meira leva xa dúas décadas cunha festa única que xa é parte da identidade da vila.

PROGRAMA

  • Unha celebración chea de sorpresas. Un aniversario coma o que celebra a Malla de Meira este domingo día 28 non é unha cousa calquera, e por ese motivo os responsables da súa organización preparan unha festa que engade o compoñente nostálxico ós sentimentos de alegría e unión dos anos anteriores, cun programa pensado para sorprender e tamén para non decepcionar a ningún dos presentes.
  • Tempo de traballar. A mañá do domingo comezará ás 10.00 horas, sempre e cando se fale de mallar. Alí haberá unhas vinte persoas realizando o traballo duro, acompañadas por todo aquel que desexe colaborar. Ás 13.00 horas farase unha paradiña na que haberá tempo para beber un pouco de viño e degustar uns reconfortantes buñuelos.Segundo os organizadores, dos máis de 2.000 metros cadrados cultivados, agárdase sacar un total de sete ou oito sacos de trigo limpo, o que en quilos serían uns 300.
  • Gran xantar de festa. A mediodía, hora do xantar, os socios da asociación Amigos da Malla de Meira agardan superar o milleiro de comensais, que se deleitarán cun menú a base de orella, morro, chourizo, patacas, repolo, lacón e queixo, todo acompañado por viño do país e pan da casa. Os que desexen asistir a este banquete precisan dun ticket que se pode mercar ata o mesmo día da malla en calquera dos locais colaboradores, e que ten un valor de 10 euros. Aparte da comida, outro dos grandes atractivos da malla meirega será a música, que estará moi ben representada pola banda de Meira, o grupo de acordeóns e a banda de gaitas da Escola Municipal, as Pandereteiras de Meira, a charanga O Fiadeiro de Vigo, o dúo Escobar e a orquestra Puerto Rico.
  • Pasado e futuro da man. Unha das grandes novidades deste ano será a presentación das novas adquisicións da asociación: unha máquina composta por motor, degranadora e limpadora e outra compacta que fai todo o traballo. Outro dos grandes momentos, xa preto da noite, será a proxección do vídeo da primeira malla, gravado polo meirego Teófilo López, que nesa edición inaugural lle deixou recoller as instantáneas ó tamén fotógrafo Bernardino Barreiro, ó que pertencen as fotos que acompañan a esta reportaxe.

Comentarios