Dos charlas en Viveiro y Ourol informan sobre la ampliación de la Rede Natura

A ampliación da Rede Natura e a súa afección na comarca será motivo de debate hoxe en dúas charlas que se celebran cunha hora de diferenza en Ourol e Viveiro.

No edificio multiusos do concello ourolés estarán, ás 19.30 horas, o subdirector de Espazos Naturais da Xunta, Rogelio Fernández Díaz; o responsable en Lugo deste mesmo departamento, Antonio Callejo; a deputada do PP Emma Álvarez Chao e un membro do equipo redactor do proxecto de ampliación da Rede Natura. O alcalde de Ourol, Marcial Sanjurjo, chama á participación dos veciños que se vexan afectados pola proposta de ampliación deste espazo protexido.

Unha hora máis tarde, ás 20.00, haberá unha charla informativa aberta ó público no edificio sindical de Viveiro, onde o responsable de zona do sindicato Unións Agrarias, Hilario Moliner, falará das consecuencias da ampliación da rede.

O sindicalista di que «existe gran preocupación entre produtores da comarca» ante as posibles implicacións para a actividade agrícola, gandeira e forestal, ó tempo que lembra que na Mariña está previsto un Lugar de Interese Comunitario (LIC) de nova creación, o do Río Sor, ó que se engade a ampliación dos das Catedrais, Montemaior, Río Ouro, Serra do Xistral e Costa da Mariña Occidental.

No acto informará sobre o actual estado da tramitación da ampliación, as posibilidades de recurrir ata o 16 de marzo, o estado de tramitación do Plan Director da Rede Natura 2000 e os futuros plans de xestión dos espazos da rede, así como a súa influencia sobre a agricultura e a gandeiría.

Caza

Por outra banda, o responsable de Unións Agrarias en Viveiro falará sobre a futura Lei de Caza, un tema sobre o que, asegura, hai moita demanda de información «polo impacto que están a producir os danos da fauna salvaxe no rural, especialmente o xabarín na agricultura e o corzo nas plantacións forestais». Deste xeito, falará sobre as posibilidades de control de danos pola caza e os mecanismos de indemnización que contempla.

Comentarios