Dous modos de practicar a transparencia

O ELEVADO aumento das retribucións dos executivos das grandes empresas ten sido obxecto dun amplo debate nos últimos anos, tanto en Estados Unidos como en diversos Países europeos e en España. Nalgúns casos estas retribucións chegan a superar en máis de duascentas veces aos salarios máis baixos desas mesmas empresas.

A preocupación e o escándalo social xerado por estas retribucións son debidos non só ao seu elevado volume, senón tamén á súa composición e xustificación, ao ter en bastantes ocasións unha parte variable relacionada cos resultados a curto prazo da empresa, que ten estimulado condutas arriscadas deses directivos.

Para tratar de controlar estes excesos establecéronse algunhas medidas que sobre todo tratan de dar transparencia á súa fixación, máis que a establecer un límite a estes abusos. Aínda que tamén hai algunhas iniciativas que van ao fondo do asunto co establecemento dun límite máximo nesas retribucións, como ocorreu coa proposta de limitalas a doce veces o salario máis baixo da empresa, que foi rexeitada recentemente en referendo en Suíza, pero que obtivo unha terceira parte dos votos.

En España establecéronse nos últimos anos unhas normas para o bo goberno das empresas, que afectan entre outras cuestións á información sobre as retribucións dos seus principais executivos. Con todo, a aplicación destas medidas queda moi por detrás da existente noutras empresas europeas, coma se fosen dous modos ben diferentes de practicar unha debida transparencia.

Podemos tomar como caso concreto as retribucións dos altos executivos de Telefónica e comparalas coas de Vodafone ou as de Orange, que son dous dos seus principais competidores e que ademais operan tamén no noso País. A información aportada por Telefónica no seu Informe anual cabe nunha folla, estando contida nun único cadro cunhas simples notas aclaratorias. Pola contra en ambos casos de Vodafone e Orange ocupa unhas quince páxinas, que comezan por recoñecer que esta información responde ás preocupacións lexítimas que poden ter tanto os accionistas como a cidadanía en xeral. Contén unha xustificación pormenorizada de todos os incentivos que perciben, o seu modo de fixación e a relación cos resultados estratéxicos ou a longo prazo da empresa. E por certo esta información permite observar os abusos nesta materia que hai nas nosas principais empresas. Os dous principais executivos de Telefónica percibiron o ano pasado unhas retribucións considerablemente máis elevadas que os de Vodafone a pesar do maior volume económico desta última.

Comentarios