Dous mil anos de historia en Viladonga

ELP1505P14F5.JPG
photo_camera ELP1505P14F5.JPG

O Castro de Viladonga retrocedeu nunha tarde dous mil anos atrás no tempo para recuperar, da man das asociacións culturais lucenses Caetra Lucensivm e Lugdunum -a primeira escializada nos romanos e a segunda nos castrexos- o xeito de vida do poboado, «unha conxunción de castrexos e romanos, tal e como indica a propia arqueloxía do castro», segundo explicou o director do xacemento, Felipe Arias.

Os membros destas dúas entidades lucenses quixeron ser o máis fieis posible á época, polo que non fixeron ensaios previos nin trataron de representar unha obra de teatro, senón de recrear un xeito de vida en aspectos que van dende o vestiario ou o uso de tinta e papiros ata a execución das distintas profesións reflectidas: carpinteiros, ferreiros, mestre, perruqueira, boticaria, cesteiras, tecelás...

E mesmo reproduciron as viaxes das antigas lexións romanas, cun pequeno destacamento de soldados que percorreron a pé ou a cabalo, saíndo as sete da mañá, os oito quilómetros que separan Castro de Rei de Viladonga para visitar a sociedade castrexa, na que tamén se facía sentir a presenza romana a través de figuras coma o escribán ou a boticaria

«Todo se fai de xeito desinteresado, en agradecemento a invitación que recibimos de Viladonga o ano pasado», explica Manuel López Guitar, da asociación Caetra Lucensivm, quen engade que esta experiencia é coma un experimento para eles «para tentar poñernos no lugar dos que vivían aquí».

Nacho Villar, secretario de Lugdunum, engade que este evento «é unha forma de darnos a coñecer as dúas asociacións», que levan traballando en conxunto un ano «para promover e recuperar a cultura romana e castrexa más alá da festa do Arde Lucus», precisa.

Ademais, de todo o ocorrido no castro queda constancia gravada, a través do traballo dun equipo de produción de Vigo, un material co que ambas entidades queren facer un vídeo promocional do seu labor, ademais de agasallar ó museo de Viladonga cunha sorte de documental desta recreación, enmarcada na celebración da Noite dos Museos.

E como o xacemento de Castro de Rei ten unha historia moi ampla, en apenas un momento deuse un salto no tempo, ata os anos 50 do século XX, momento no que o matrimonio de don Otto e Eurika coñeceron ó Tolo do Castro, unha escea sacada do libro ‘Don Otto de viaxe pola Chaira’, obra escrita por Xosé Manuel Carballo, quen interpretou ó Tolo, ben secundado por Miguel Seivane e Ana María Andión.

Carballo Ferreiro tamén foi o encargado de conxurar a queimada nos habituais pinchos da Noite dos Museos, previos á visita nocturna ó xacemento, máis auténtica este ano ca ningún outro. O grupo de música Os Valuros de Castro de Rei foron os encargados unha vez máis de pór a nota musical nesta xornada na que se fundiron, máis que nunca, o pasado e o presente do Castro de Viladonga.

Outros actos
A Noite dos Museos reproduciuse tamén con diversos actos nos catro centros que forman a rede museística da Deputación de Lugo -o Museo Provincial de Lugo, San Paio de Narla, Tor e o Museo do Mar de San Cibrao-. Así, no museo lugués actuou o grupo teatral O Bordelo e Celso Fernández Sanmartín protagonizou Contos da Lareira.

Estas celebracións terán continuidade mañá, co regalo de libros no Museo Provincial e o chamado Tendal das Letras nos outros tres centros. Ademais, o día 18 os catro museos abrirán as súas portas en horario ininterrompido.

Comentarios