Dous documentos

Como follas caidas das árbores, chégannos ás mans dous vellos papeis, agasallo de Xaime Vidaurrázaga, que sabe do noso particular interese en derramar as horas debruzados neles, ainda no caso de que non teñan unha relación directa cos intereses e pescudas que nos ocupan. O caso é que, no transcurso delas, o imán, o engado dos tempos idos, distrae o noso labor orixinal e desvíanos cara asuntos alonxados do centro de atención primario. Non dan para moito, mais vexamos.

O 1 de setembro de 1889, un rapaz de dezaseis anos e oito meses de idade, segundo fai constar, da parroquia de Piñeira, no concello de Ribadeo, solicita permiso do Gobernador Civil da provincia, co fin de desprazarse á Habana, por asuntos propios e por convir aos seus intereses; e faino pola sua «libre y espontánea voluntad». Tamén sinala o porto de embarque, A Coruña. Nesta materia o papel é unha folla tan repetida como as outonizas. Antes desa data e despois, desde o porto coruñés ou de outros varios, o río migratorio foi incesante e, infelizmente, volve selo nos tempos actuais, despois de máis dun século.

O outro retallo é unha revista, ‘Acción Social’. Voceiro do Centro de Acción Social Católica, de aparición quincenal e datado en Mondoñedo o 15 de novembro de 1919. A dirección, administración e imprenta ubícanse na cidade episcopal, e conta con doce páxinas, aparte da portada e contraportada, mais as catro derradeiras forman o número 8 do Boletín da Federación Mindoniense de Sindicatos Agrícolas. A publicación, e non só este número xa que é de longa traxectoria, zumega rancio tradicionalismo, e os propios reclamos publicitarios caracterizan aquel tempo. Nun deles, anunciase nada menos que un escultor da capital da provincia, cunha importante oferta en construcción de imaxes, altares, púlpitos, confesionarios, etc.; o impresor sinala que a sua especialidade, ademais das tarxetas de visita, son as esquelas mortuorias. Nos artículos de fondo, ocúpase a publicación do sonado imposto de consumos, apoiando as posicións do ministro conservador galego González Besada, radicalmente enfrontado nesta controvertida cuestión, co tamén galego, e liberal, José Canalejas. No ámbito máis específicamente local, informan da chegada de barcos con provisión de abonos aos portos de Foz e Ribadeo, ademais dunhas amplas notas divulgadoras sobre os fertilizantes mixtos e químicos, apropiados para o cultivo de cereais e legumes, curiosamente moi documentado na agricultura foránea. E entre os diversos soltos, en letra cursiva, xaculatorias desta caste: «Si quieres, ¡oh labrador! Ver tus hórreos y tus trojes repletos de granos y de frutos, no ceses de pedir a Dios que haga fértiles tus campos y fecunde tus sudores. Dios escucha siempre la plegaria del que le pide con humildad». Naturalmente non hai en toda a revista nen unha palabra en galego, pero aparte diso, gostarianos coñecer cantos lectores de aquel 1919 saberian que é un ‘troj’.

Comentarios