Dos nomes de Miguel Delibes

SEMPRE ME CHAMOU MOITO A ATENCIÓN a extraordinaria capacidade de Miguel Delibes para lles dar a cada un dos personaxes das súas novelas o nome propio que na miña opinión, mellor lle cadraba e que máis certeiramente axudaba a definilo. Supoño que haberá algunha rama da Sociolingüística que se ocupe destas cousas e que de a razón científica delas para coñecemento e información de estudiosos e outras persoas interesadas no tema e que mesmo haberá quen se teña ocupado deste aspecto da obra do escritor valisoletano que nos acaba de deixar afondando nas raíces populares da antroponimia e do uso que dela fai o autor de 'Los santos inocentes'.

Nomes duros, rotundos, de pobre, que resoan coma seixos ao bater na terra seca: Régula, Quirce, Azarías para persoas duras, pobres e secas como a terra na que traballan deixando a vida; nomes que levan a lugares de orixe: Jacoba para unha galega, Aránzazu para unha vasca ou Rocío para unha andaluza; nomes que, acompañados de artigo, levan a oficios humildes e a arrabaldes de cidade: la Desi, la Merce... Nomes que mesmo apetece pronunciar en voz alta cando os estás lendo como sucede —polo menos a min— cos topónimos que vas atopando mentres guías o automóbil por estradas de segundo orde, esas que atravesan vilas e aldeas nas que aínda hai algunha cheminea que fumega.

Non sei se a don Miguel Delibes lle viña xa á cabeza o nome xusto ao debuxar o personaxe, se precisaba de lle dar voltas até atinar co que el consideraba o máis axeitado, se, polo menos algunha vez, chegara antes o nome e arredor del fose aparecendo o personaxe, se procuraba algún outro camiño para levar adiante o bautizo ou se, como parece lóxico, usaba de todas estas formas dependendo do momento e das circunstancias. En calquera caso realidade é que case sempre era quen de levar ao lector pola súa man suxeridora até o lugar no que mellor cadraba o retrato. Un servidor —e pido que se me desculpe o que de arrogancia poida parecer que isto conleva— válese, ás veces, das páxinas de El Progreso para buscar nelas un nome nalgunha esquela e usalo para llo dar a un personaxe determinado e, deixándome levar pola mesma falla de modestia pola que antes pedía perdón, algunha vez teño imaxinado a Miguel Delibes pescudando na sección de necrolóxicas do seu El Norte de Castilla para facer o mesmo que eu teño feito aquí.

Cousas que a un lle veñen á cabeza á hora de lle render a homenaxe de respecto e admiración que o mestre merece.

Comentarios