sábado. 08.05.2021 |
El tiempo
sábado. 08.05.2021
El tiempo

Don Manuel

Cando eu era unha novísima xornalista coa sorte de poder contar a transición, Don Manuel era xa un político con longo percorrido. Don Manuel, claro, era Fraga, o único político aos que os xornalistas de entón lle antepuñamos o don. Nin a Felipe González, Carrillo, Calvo Sotelo, Pérez Llorca, Miguel Ferreiro ou o mesmísimo Adolfo Suárez os tratabamos co don. Só a Fraga.

O éxito da transición tivo moitos pais; os primeiros os cidadáns, pero sen dúbida non sería posible sen homes como Fraga. Don Manuel foi capaz de pór os estribos á dereita máis montaraz e dar un paso á fronte para facer posible un país no que todo o mundo tivese o seu lugar. Aínda recordo como era noticia ver a Don Manuel charlar tranquilamente con Carrillo. Aquelas fotos con ambos os políticos departindo desconcertaban a dereita máis intolerante, que non tiña máis remedio que ir dixerindo que os tempos cambiaban.

Fraga foi un dos pais da Constitución e tamén tivo o valor de enfrontarse a Tejero o 23-F.

Permítanme algún recordo persoal, como o dun deses días en que coincidín con Fraga na porta do Congreso e mirándome de arriba abaixo sentenciou: ''Está vostede moi delgada, ¿que comeu hoxe?''. Cando lle dixen en que consistira o meu xantar, non o pensou dúas veces e moi serio ordenoume seguilo ata o bar das Cortes para que tomase un bocadillo e un vaso de leite. Non me atrevín a protestar, de maneira que aínda que son alérxica ao leite tomei un vaso baixo a mirada impaciente de don Manuel, que me metía présa porque o pleno case comezaba. A verdade é que Don Manuel impuña e ninguén se atrevía a contradicilo.

Con todo, el no xogo político foi capaz de dar unha lección de flexibilidade, de entender que o tempo novo había que construílo entre todos, e xa que logo que todos tiñan algo que achegar e ceder. E el, o home ao que ninguén se atrevía a rechistar, foi capaz de demostrar que tiña cintura política, e que o mesmo que defendía as súas ideas e principios podía ceder ante as ideas e principios dos outros para así facer posible o consenso e o éxito da transición.

Eu non me vou referir ao pasado de Fraga, a cando era ministro de Franco, porque cada cal é fillo do seu tempo e das súas circunstancias. Quedo co Fraga que xunto a Suárez, Carrillo, Felipe González e outros moitos políticos de entón puxeron os cimentos dun Estado democrático sendo capaces de impulsar unha Constitución onde cabemos todos.

Dicir que Fraga foi un home clave naquela etapa é unha obviedade, pero polo si ou polo non convén repetilo para que o saiban e non o esquezan as novas xeracións. Ás persoas non se nos pode resumir nunha foto fixa, e a vida de Fraga foi unha vida rica en acontecementos e vivencias que culminaron coa transición, aínda que tampouco poderiamos entender Galicia hoxe sen o seu sinal.

Descanse en paz, Don Manuel.

Don Manuel
Comentarios