Viernes. 21.09.2018 |
El tiempo
Viernes. 21.09.2018
El tiempo

Don Antonio Gandoy tiña razón

(*)

ÉCHE unha mágoa que algúns políticos só lean argumentarios de asesores e non informes de eficientes funcionarios das consellerías, das universidades. Daquela enteraríanse do estudo da Obra Social de La Caixa sobre educación temprana. Ese informe di que a educación temprana é decisiva para reducir as desvantaxes, algo que afirmaba Preescolar na Casa (PnC) no deserto político galego desde 1977. Con máis de tres décadas de andaina tentou crear na sociedade cultura de educación infantil familiar. Apostou polo galego e polo rural. Foi elemento vertebrador nunha terra que fai dicir aos sociólogos que hai dúas Galicias, a da A-9 e o resto, só paisaxe. A posición de saída de cada neno determina o seu futuro, e a única forma de que todos teñan as mesmas oportunidades é investir nesa etapa. Hai familias, sobre todo no rural, que non poden mandar aos fillos a escolas infantís e inician a escolaridade cando xa é tarde.

Don Antonio Gandoy tiña razón. E os que aplicaron contra PnC a ‘solución final’, non. Agora tentan crear un sucedáneo asistencial sen nada que ver co programa pioneiro que, apostando pola familia, o galego, o rural, a educación infantil, fixo un traballo impagable. Políticas desnortadas calificaron de obsoleto o que descoñecían. Contribuíron así á despoboación do territorio, ao abandono do rural, ao esmorecemento do galego, a malgastar a formación especializada dos profesionais. PnC apostaba polo que veñen de descubrir no informe ‘Aprendizaje y ciclo vital. La desigualdad de oportunidades desde la educación preescolar hasta la etapa adulta’, os sociólogos de Oxford, do Instituto Universitario de Florencia, da Uned. Que a educación infantil beneficia máis aos fillos dos desfavorecidos e, na etapa 0-3 é o gasto máis redistributivo porque reduce o fracaso escolar. Se non se atende, pouco van corrixir etapas posteriores a desigualdade de orixe. Na Galicia rural a revolución pedagóxica de PnC foi levar a escola a zonas de poboamento disperso, aos barrios, a familias de nivel educativo baixo. O informe advirte que o 80% dos coñecementos dos nenos depende do nivel sociocultural dos pais. Quizais tratábase diso, de apostar polas elites, de quitar as cativas axudas a PnC e dar millóns a centros clasistas e segregadores, de abandonar o rural, de afundir pequenos colexios da montaña, de condenar o galego a unha presenza esmorecente.

O fracaso educativo xéstase na educación infantil. Estatísticas mentireiras din que a desigualdade reduciuse pero só porque un sistema educativo, outra vez inxusto e selectivo, tritura e expulsa os febles. Non fai falta dicir onde hai que buscalos: na casa daqueles aos que negamos unha posición de igualdade cando tiñan 0-3 anos. Si, don Antonio Gandoy tiña moitísima razón.

(*) Se mantiene el idioma original del artículo, publicado en la edición impresa de El Progreso del 18 de diciembre

Don Antonio Gandoy tiña razón
Comentarios