Dobre linguaxe

(*)Cando unha cidadá normal e corrente, é dicer, aquela persoa que vive ou procura vivir do resultado do seu traballo, declara ingresos á Facenda para render contas anuais e pagar impostos directos -os indirectos xa chos cobran sen perguntar- atémonos rigorosamente, moi rigorosamente, moi dolorosamente tamén, ao lexislado. Nestes casos o peso da lei é forte, o Estado segue sendo a fonte daquela sentenza: dura lex, sed lex (aínda que non sexa igual ‘lex’), que dicían os romanos creadores do grande imperio e mais da base do sistema legal occidental actual. Dicíamos que non hai vía algunha de acordo, de compromiso, de consenso. Con Facenda non se pode discutir nen sequer se permite interpretación algunha fóra do ámbito recadatorio. Non hai prazos, non hai espera, non hai ‘non me vén ben pagar agora’; pagas e fóra.

O asunto cambia cando se trata de grandes contribuíntes ou grandes compañías multinacionais. No primeiro caso, se hai que esperar, espérase; se hai que negociar, negóciase; e, se hai que condonar parte do debido, pois tamén. Unha cousa é tratar cos cidadáns tirando a desgrazados e numerosísimos e outra moi distinta é a relación directa cun grande. Neste caso, Facenda adáptase, negocia, espera ou perdoa unha parte. No primeiro, hai que ser implacábel para manter o principio de legalidade, autoridade e recadación. Non se pode confundir nen hai comparación. Xa sabemos: forte co débil e débil co forte. Hai un argumento de economista barato que di que o grande contribuínte debe ter trato diferenciado porque o seu contributo ás arcas do Estado así o aconsella. Ben. E, se nos asociamos os pequenos como afectados, seríamos tratados como un grande? Queda a dúbida no ar.

O que si sabemos seguro é que non só se practica no Estado español dobre conduta senón que xa nos eidos da Comunidade Europea se ten creado dobre linguaxe para denominar estas prácticas e que os conceitos contábeis para o fisco poidan quedar a salvo: chámase harmonización fiscal, desde o Tratado de Roma (1957), á necesidade de crear unha tendencia con vista á compatibilización dos sistemas fiscais dos Estados membros e o Mercado único europeo.

Desde o nacemento da Comunidade sabíase que conviña ir pondo os pasos para que a fiscalidade fose máis ou menos semellante entre os membros comunitarios, a fin de conseguir que o mercado único fose unha meta alcanzábel. Non obstante, existe un mercado único de capitais e a harmonización fiscal queda para outro milenio, até tal nível de descaro que se desvenda que o mini-estado luxemburgués ten acordos fiscais con 340 Compañías Multinacionais. Un total de 547 acordos fiscais para que paguen impostos do 1% !!!. Se inxenuamente pensamos que non nos afecta, estamos nun erro porque todo o que deixen de contribuíren aos Estados ao fisco correspondente recaerá sobre as costas dos de a pé, que somos todos os traballadores, os que vivemos do noso traballo e non podemos negociar con Facenda nen residir fiscalmente en Luxemburgo.

(*)Se mantiene el idioma original del artículo

Comentarios