miércoles. 25.05.2022 |
El tiempo
miércoles. 25.05.2022
El tiempo

Do xamón

OTERO PEDRAYO escribira, parece ser que no Café García de Monterroso onde pasara unha noite e onde hoxe unha placa nolo recorda, un ‘Himno ao xamón’, ao que se debeu facer referencia máis dunha vez durante estes días pasados nos que se celebrou aquí en Lugo o VI Congreso Mundial de tan apetitoso produto. Ademais de gabar como corresponde as virtudes gastronómicas do pernil, don Ramón fai no poema unha serie de referencias ás súas aplicacións sociais que non sei se chegaron a merecer a consideración dalgún dos relatores do Congreso pero que, na miña opinión, ben pagaba a pena que se lles dedicase algo de atención en foro tan experto.

Otero concédelle ao xamón a coroa do reinado da lareira pero reserva o seu consumo a mesas monacais e de ‘pazo antergo’ ás que moitas veces chegaba en paga de determinados valementos ou como solicitude para a obtención doutros novos. ‘Amoleciches ó funcionario’ di o poeta e o verso fai que acudan á memoria do lector historias escoitadas ou lidas nas que a imaxe do paisano procuraba unha entrevista co cacique seguro da capacidade persuasiva do xamón que viñera carretando até alí cando lle fixese saber a encomenda que o movía, resultaban tan familiares que todos criamos cegamente nelas. E algo habería...

As patas traseiras do cocho, ben curadas e a pares ou unha por unha, facían que medrase a rapidez coa que se tramitaba o documento solicitado tempo atrás, melloraba a capacidade de atención de quen atendía á saúde do doador, tanto a do corpo ou da alma, incrementaba os méritos de quen aspiraba a determinada praza vacante, podía axudar a que aumentasen os coñecementos de algún alumno até acadar o aprobado que se lle viña resistindo desde había varias convocatorias -no caso do Colexio Marista de Lugo, e de acordo coa lenda urbana ao uso, as patas de porco a utilizar eran as de diante- e mesmo chegaba, ao parecer, a dobregar a vara da xustiza e non sempre do xeito que don Quijote lle aconsellaba a Sancho.

Ben sei que o que hoxe se leva está máis na liña da porcentaxe na reconversión de terreos, no reparto pola concesión de determinados servizos, na promesa polo posto a ocupar nesa lista pola que tantos agardan..., pero eu aínda estou convencido de que o xamón que don Ramón Otero cantara -ou, se cadra, máis ben o de latitudes máis meridionais- segue a ter un seu aquel de posibilidades que ben poden quedar reflectidas nas actas dun Congreso Mundial coma este que aquí se celebrou.

As patas traseiras do cocho, ben curadas e a pares ou unha por unha, facían que medrase a rapidez coa que se tramitaba o documento solicitado tempo atrás

Do xamón
Comentarios