jueves. 26.05.2022 |
El tiempo
jueves. 26.05.2022
El tiempo

Do teu verdor cinguido

ELP0608P27F3.JPG
ELP0608P27F3.JPG

Entre o negro da noite estrelada e o gris do fume do aceite fervendo, abriuse paso con pé firme o verde, unha cor tan propia de toda Galicia coma deste enclave da xeografía lucense, o verde do pemento de Mougán.

Coma se fose unha familia de case mil persoas, a veciñanza de Mougán e arredores xuntouse onte para degustar o loubadísimo produto da terra, un manxar a piques de recibir a honra da identidade xeográfica protexida, na XIV Festa do Pemento de Mougán. Os oriundos desta terra coñecen ben o seu, e saben que este produto non ten competencia cando se degusta na casa e á forma tradicional galega.

A fame non estivo convidada á festa, xa que racións e racións do verde alimento correron baixo a carpa prevista pola organización, a Asociación de Produtores de Pementos de Mougán. Xunto a outros tantos de churrasco, servíronse máis de catrocentos quilos a todos os que fixeron reserva, quen gustaron dunha cea enxebre e en familia, con nenos e maiores á mesa, compartindo experiencias, viño e o máis importante, o pemento.

Nunha noite na que non só o producto era o protagonista, senón toda a xente que non dubidou en asistir á cita, a música e a troula non faltaron, xa que o grupo Cañón, chegado de León, púxolle o ritmo á festa a golpe de guitarra e rock ata o mencer.

Do teu verdor cinguido
Comentarios