''De mi pasado extraño la paciencia, la ingenuidad... ¡y también el pelo!''

Hostaleiro e mago, Suso Carreira dirixe o Mesón do Forno desde hai preto de tres décadas

1. ¿Que é o que máis lle gusta e lle desgusta do seu traballo?

Gústame que paso todo o día divertido. E desgústame... ¡que paso todo o día!

2. Se volvese empezar, dedicaríase a...

A outra cousa, ou ao mismo, se cadra

3. O soño que máis se repite é...

Soño moi pouco, pero moi variado.

4. ¿Estraña algo do que foi deixando atrás?

A inxenuidade, a paciencia... ¡e o pelo!

5. ¿A quen admira?

Aos meus pais e á miña muller. Noutra escala, a moitas persoas, artistas e non artistas. Quedo pampo con calquera bobada.

6. ¿Hai algo do que se arrepinta que se poida contar?

Non, estou ben casado. O demais é pecata minuta e contrición.

7. ¿Que cita subscribiría?

Ofrézame unha lista...

8. ¿Votou nas últimas eleccións?, ¿atrévese a dicir a quen?

Podo. Son do CD Lugo, na Liga, e da Selección Galega nos Mundiais...

9. ¿Que coche ten?

Un Opel Zafira

10. ¿Cal foi o capricho máis caro que ten mercado?

Tería que consultalo no catastro.

11. ¿Cal é o seu ben material máis prezado?.

Tamén tería que mirar...

12. Unha toleada que fixera por amor...

Xa dixen que era casado.

13. ¿Hai algo que non lle perdoaría a súa parella?

O asasinato.

14. ¿Teñen algún pacto?

Xa non me lembro. Pense que levo 30 anos casado e eu non fun sempre así.

15. O máis difícil da convivencia é...

Respirar polas feridas.

16. ¿Envéxalle algo ao outro sexo?

A memoria.

17. ¿Que libro ten na mesiña de noite?

A ‘Eneida’ en latín. E cando me aburra poño outro.

18. ¿Que pecados capitais desculpa?

¿Quen son eu para xulgar a ninguén?

19. ¿Que é o que nunca falta na súa neveira?

Viño.

20. Pérdeo un bo...

Leite, ou viño. Sempre do tempo.

21. Séntese cómodo vestido con...

Camisetas e vaqueiros negros, pola profesión.

22. ¿Que calzado lle gusta levar en cada ocasión?

Zapatos con cordóns.

23. Unha peza que deteste...

A faixa.

24. As mellores vacacións da súa vida foron...

As que pasei en Burela coa miña familia.

25 . A súa viaxe soñada sería a...

Unha que me curara do nacionalismo.

26. A paisaxe que máis o impresionou...

Sen dúbida, a Gran Sabana en Venezuela.

27. Un libro, unha película e un grupo musical.

Os libros épicos da Biblia ou calquera de Cunqueiro. En canto ao cine, citaría ‘Milagro en Milán’ ou calquera de Billy Wilder. Respecto á música, o meu grupo favoritos é Fuxan os Ventos, aínda que tamén gozo moito coa música de Milladoiro.

28 . A súa materia pendente...

Aínda son novo. Por certo, ¿que hora é?

«NESTA ÉPOCA, A HOSTALERÍA DEBE TER FE E IMAXINACIÓN»

1. As paredes do Mesón do Forno convertéronse nunha galería de arte a pequena escala, ¿sácase así unha espiña que tiña cravada?

¡Ai non!, pero dame gusto. Son moito de andar con esa xente.

2. Mago nos seus ratos libres, ¿que xogo de mans lle gustaría dominar?

Eu non teño ratos libres, fago maxia como unha parte máis do meu traballo. En canto ao que me pregunta sobre o xogo de mans que quixera dominar, gustaríame poder facer un que lle vin o mago Enrique con moedas, pero debe ser ilegal...

4. Unha cociña gorentosa e económica, ¿é maxia, fe ou saber facer?

Nesta época na que estamos a vivir é o que toca na hostalería: moita fe, imaxinación e agarimo.

5. Introduciu en Lugo a gastronomía árabe, ¿entende o rexeitamento que produce esta cultura?

A comida non entende de relixións nin de rexeitamentos culturais, só de sabores e texturas. Pratos como o cuscús ou a pastela son coñecidos a nivel mundial e están no máis alto da gastronomía. En Francia ou Bélxica non só os árabes, tamén as familias nativas, reunense os domingos para comer cuscús.

Comentarios