''Díxochemo''

ESTA PALABRA é todo un enunciado, unha proposición que representa un xuízo do meu intelecto, ou sexa, unha manifestación do meu ser. Se analizamos o contido deste significante decatarémonos de que, por exemplo, ao ministro Wert nunca se lle pasaría pola cabeza a formulación dun xuízo semellante porque o seu intelecto non dispón das ferramentas lingüísticas necesarias para a súa elaboración, seguramente porque nin el nin os seus antepasados precisaron nunca ditas ferramentas. Wert debería pensar algo así como «te me lo dijo», pensamento que non ten cabida na lóxica dese ministro nin dos que se expresan coma el.

Velaí que o pensamento e a linguaxe van intrinsecamente unidos, que todo falar implica un pensar e, igualmente, todo pensar require un falar. Unha persoa galega ten dificultades para atopar a expresión adecuada ao seu pensamento en calquera lingua que non sexa a propia, e ao mesmo tempo, mostra certa lentitude na interpretación de significantes que, aínda sendo perfectamente coñecidos, non responden á estrutura do seu pensar que ven moldeado polo seu dicir.

De acordo coa Unesco, no mundo existen 6.992 idiomas recoñecidos, dos que cada dúas semanas desaparece un. En América Central e Suramérica a causa mais evidente é a caída en desuso ante a expansión do portugués e o español. Este proceso vén de máis longo en Europa que, gradualmente, foi perdendo diversidade lingüística ata darse a circunstancia de que en Bolivia existe un número de falas que dobra ás europeas.

É probable que o feito da morte dunha fala non preocupe a case ninguén, seguramente porque non significa baixada na bolsa de valores nin suba da prima de risco, nin sequera a perda da posibilidade de montar un posto de venda de souvenirs, pero dende a perspectiva do ser humano supón un considerable empobrecemento, a desaparición dun xeito de ver a realidade, a perda dunha construción da humanidade froito de centos ou miles de anos.

Por outra banda, non é asisado lamentar que determinadas linguas se comporten como ferramentas de comunicación a maior escala, mesmo que teñan carácter universal e polo tanto teña interese para todos e todas a súa aprendizaxe, do que se trata é de doerse de quen sofre a violencia (os e as falantes de varios milleiros de linguas) de verse na obriga de aceptar a inferioridade da súa ferramenta comunicativa, do seu pensar e polo tanto do seu ser ata chegar a renunciar o seu emprego e, xa que logo, a si mesmo. Deixar de ser o que se é (alienarse) metamorfoseándose (polo menos de maneira aparente) noutro.

En palabras de Ludwig Wittgenstein, imaxinar unha linguaxe (calquera forma de comunicación, incluída a lingua) significa imaxinar unha forma de vida, Os ‘xogos de linguaxe’ son conxuntos de accións lingüísticas e non lingüísticas rexidas por reglas que se adquiren por costume, o que nos remite a unha determinada forma de vida. Deste xeito, hai unha relatividade da linguaxe a respecto das diferentes formas de vida de, por exemplo, as diferentes culturas.

Centrándonos no eido lingüístico, non está a propoñer este filósofo que sexa imposible a comunicación con persoas pertencentes a outras culturas, todos somos seres humanos e podemos tentar aprender as regras que rexen outras linguas. Podemos trasladar mensaxes entre linguas correspondentes a diferentes culturas pero sendo conscientes de que o significado último non resulta traducible porque emisores e receptores teñen interiorizadas pautas diferentes para participar neste xogo.

Dende outro punto de vista é doado decatarse da carga de poder que porta unha lingua e da que os seus falantes se senten depositarios. Se se compara a actitude, a respecto da lingua, dun deportista procedente dos EE.UU. ou do Reino Unido coa dun colega seu procedente da antiga Iugoslavia, de Grecia ou de Portugal, veremos como os primeiros, pasada unha longa tempada, seguen a esixir ser interpelados na súa propia lingua, mentres que os segundos aprenden de contado a lingua do país de destino.

Neste contexto de lingua e poder vemos todos os días, nos centros de ensino, como rapaces e rapazas galegofalantes cambian de código cando dialogan con compañeiros e compañeiras castelanfalantes que coñecen perfectamente a lingua galega, trátase dun cambio innecesario e nunca recíproco que ven determinado pola seguridade ou inseguridade derivada do poder impreso, conxunturalmente, nas diferentes linguas.

Comentarios