Divertimentos de campamento

Que se pode facer cos fillos se non hai tempo para atendelos durante a época estival? Cal é a solución para que se entreteñan sen ter que estar pegados á tele ou ós videoxogos? En moitos concellos das comarcas da Terra Chá e de Meira e tamén na vila das Pontes, teñen a resposta a estas preguntas: campamentos de verán.

As propostas que ofertan numerosos municipios son atractivas tanto para os nenos e nenas coma para os seus proxenitores, posto que, ademais de divertirse, os menores aprenden a relacionarse entre eles e edúcanse dun xeito diferente a como o poderían facer na escola. O respecto polo medio ambiente, o traballo e o compañeirismo son soamente algúns dos valores que adquiren ó longo destes meses de verán.

Isto é algo que coñecen moi ben nos campamentos de Vilalba, onde durante todo este mes os monitores e monitoras teñen a 80 menores ao seu cargo. Divididos en idades de catro a sete e de oito a doce anos, os máis pequeniños gozan cos xogos e cancións, mentres que os maiores se decantan polos deportes alternativos, as actividades na natureza e os talleres de reciclaxe.

Tamén a reciclaxe é un dos piares importantes nas Pontes, onde este mes hai 63 rapaces e rapazas, divididos nos grupos dos Trapecistas (tres a catro anos), Eume (cinco), A Fraga (seis a sete) e os Monstruítos (oito a once anos), que tamén realizan actividades relacionadas coa artesanía, co respecto pola natureza e co coñecemento  do seu propio municipio a través das marchas.

Outros que coñecen a súa vila, non a pé, pero si en bicicleta, son os 58 menores de seis a doce anos do campamento urbano de Guitiriz, que durante a pasada semana tiveron actividades diversas como obradoiros de música, xogos na piscina ou rutas de sendeirismo polas zonas rurais do concello. A semana anterior foi a quenda dos pequerrechos, coa participación de 23 nenos de tres a cinco anos.

Divididos así mesmo en dous turnos, a primeira e segunda quincena deste mes, os rapaces de Castro de Rei, cunhas idades que van dos catro aos doce anos, están a gozar cos xogos populares e cos obradoiros de globos, malabares e ciencias naturais, entre outras moitas iniciativas. Os 44 menores da primeira quenda tamén aproveitaron para visitar a casa consistorial e para coñecer a área recreativa da súa vila, experiencias que repetirán nestes días os máis de 40 anotados no segundo grupo.

No veciño municipio de Pol, os responsables dos campamentos tamén apostan por dar a coñecer aos nenos e ás nenas os lugares máis fermosos do seu contorno, desta vez a cabalo, nas rutas organizadas pola Casa Cazoleiro de Meira. Outras propostas que de seguro lles encantarán ós máis de 50 menores de seis a doce anos que participarán ao longo deste mes e do vindeiro serán os obradoiro de papiroflexia e os xogos acuáticos.

Por último, tamén na auga se teñen que saber desenvolver os 16 menores de Begonte, con idades que van desde os catro ata os 13 anos. Á xincana acuática de Baamonde, unha das propostas máis refrescantes, haberalle que engadir outras tan interesantes como karaokes, rastreos de tesouros, un parque infantil de tráfico ou a marcha ata a capela de San Alberte.

  • As excursións volverán a ser o máis agardado. Dentro das actividades propias de cada campamento, non poderían faltar as múltiples saídas que están, ou programadas, ou realizadas, e que fan as delicias dos nenos. Os fornos da Pontenova, o castro de Viladonga e a Casa do Mel de Goente son as excursións que teñen os rapaces de Vilalba, mentres que en Castro e en Begonte optaron polas praias da Mariña lucense e por experimentar no parque de Sotavento, en Xermade.
  • Aquapark. Aínda con todo, un dos clásicos do verán, que nunca falla e que sempre enche de ledicia a acampados e monitores, é o parque acuático de Cerceda. Os rapaces e rapazas de campamentos coma Guitiriz ou Xermade non esquecerán nunca a experiencia de tirarse polos tobogáns do recinto.

LECER PARA NENOS E NENAS
As actividades terán continuidade todo o período estival en varios concellos

Unha boa parte dos campamentos de verán non pecharán as portas, polo menos, ata finais de agosto, sexa cos mesmos nenos, como ocorre en Pol, sexa con grupos diferentes, como é o caso de Vilalba ou das Pontes.

Así mesmo, outros concellos que aínda non realizaron actividades para os máis pequenos da casa abrirán as súas portas o vindeiro mes para que poidan apuntarse todos os rapaces interesados en entreterse e pasalo ben.

Un deles será o de Xermade, que do 1 ó 12 de agosto organiza o seu sexto campamento rural de verán, con horario de 10.30 a 14.00 horas e destinado a nenos e nenas de entre tres e 16 anos. A inscrición será gratuíta, e os interesados poden chamar ós números 982.50.11.08 e 678.74.41.78. O Concello de Abadín tamén terá campamento durante todo o vindeiro mes con diversas actividades. Para apuntarse, hai que chamar ó 669.25.20.99.

En Cospeito, a Granxa Garabullos de Sistallo organizará actividades para nenos de cinco a doce anos, entre o 31 deste mes e 6 de agosto. As propostas que manexan os responsables da granxa están encamiñadas a que os máis novos aprendan a respectar as riquezas naturais da reserva da biosfera Terras do Miño e a aproveitalas do mellor xeito posible. Para máis información pódese chamar ó teléfono 600.03.49.07.

 
 

 
0'0 (0 votos)

Comentarios