La diversión que educa

Sete centros de ensinanza de Monforte participan no certame de teatro municipal que rematará o vindeiro xoves cunha representación da asociación Prodeme
Alumnos que participaron na obra 'A revolución azul'
photo_camera Alumnos que participaron na obra 'A revolución azul'

Os alumnos de sete centros de ensinanza de Monforte de Lemos participan no certame municipal de teatro para escolares que organiza o Concello. Ademais dos colexios e institutos, o concurso conta co apoio dunha asociación convidada, o colectivo Prodeme, que levará a cabo a representación ‘Enriqueta Si, Enriqueta No’ o vindeiro xoves, ás 20.00 horas, na casa da cultura Poeta Lois Pereiro, en Monforte. Con esta obra poñerase punto final ao certame e logo da representación de Prodeme terá lugar a entrega de premios.

O concurso de teatro, que chega con esta á vixésimo cuarta edición, iniciouse o 8 de abril e nel participaron os colexios Ferroviario, Escolapios, A Gándara e Infanta Elena, ademais dos institutos Río Cabe e A Pinguela.

As obras representadas foron elixidas polos centros. O IES A Pinguela optou por unha peza con matices críticos e representou ‘A revolución azul’, unha versión libre da obra infantil ‘O país acuático’, de Eduardo Alonso. A peza foi adaptada e dirixida por Paqui Abeledo e pretendía facer reflexionar sobre o futuro da Terra e as actuacións que se deberían levar a cabo polos humanos para coidar dela e mantela saudable e forte.

A revolución azul é a salvadora da Terra, a que fai que mares, ríos, regatos, pozos e pozas non queden orfos de auga. Unha desfeita que obrigaría aos habitantes a vivir nun lugar desertizado e desequilibrado. A revolución azul non permitirá que a Terra fique enxoita con acordos xustos e diversas ideas para facer do mundo un lugar mellor para todos.

Os monfortinos xa gozaron tamén das obras ‘Tempos modernos para todos’, do colexio Ferroviario; ‘Fantasía’, dos Escolapios e ‘Suspendeuse a función’, da Gándara.

O teatro adoita empregarse na educación coma unha técnica pedagóxica xa que favorece a creatividade, o traballo en grupo e a comunicación entre os cativos. O teatro é tamén un xeito de educar e facer críticos aos escolares dende a diversión e o goce.

A través dos ensaios e as representacións os alumnos monfortinos aprenderon múltiples segredos sobre a expresión verbal e corporal que aproveitarán para o seu crecemento persoal.

O teatro emprégase coma unha técnica pedagóxica que favorece a creatividade e a comunición entre os escolares

Comentarios