Dimitir

Podendo facelo, non quixemos consultar nese manantio de sabiduría que é a rede, sobre os posíbles casos de teses de doutoramento inspiradas noutras, dito sexa por evitar a conxugación do verbo fusilar, ecoante ainda nunha boa parte da memoria colectiva. Aos medios de comunicación convencionais saltaron poucas veces este tipo de noticias. Quizais se deba ao feito de que é algo moi raro. O que se di copiar, poida que quedase circunscrito á época escolar, ou ao bacharelato, pero acadados os níveis superiores do ensino, tais habilidades e argucias son arrombadas nunha actitude ética e responsable, que prologa o pulo deontolóxico da etapa propiamente profesional.

O malo é que os mal pensados, eses que o vello réxime -remanecido agora en asuntos tan importantes como o educativo-, chamaba os da «cáscara amarga», pensarán ou que non paga a pena copiar, porque o común é a coadeira, ou que ninguén vai ler nunca tan sesudos estudos, ou o mais probable que aquel que ouse advertir o calote resultará el mesmo inculpado por cargante, inoportuno, pedante, ciumento ou calquer outro calificativo. Pero xa digo, os malévolos, porque á maioría ben pensante o que os asombra non é a trampa propia, e da allea o que amilagra é que alguén poida dimitir por motivos que eles terian coma unha insignificante volalla, o que acredita os riscos atrabiliarios do carácter teutón, que anda atusmando como medra a herba e non pasa unha, en contra das virtudes carpetovetonicas do solar hispano, incluido o galego -por moito que se incomode os «siareiros franciscanos»-, que acuñou ese achádego léxico de asegurar que chove, cando hai quen micciona por riba de nós a cano cheo.

Pero se a tais precedentes, ou sexa o da ministra xermana acusada de copiar unha tese, unimos o feito da dimisión do Papa, tan louvada rutinariamente e un pouco ao chou, sen reparar no seu significado histórico, que é o de urxir á Igrexa a abandoar o paso pousón de boi canso, na época dos veiculos con seis marchas, teremos xusto os termos precisos para a comparación. Porque ocorre que dimitir é un verbo intransitivo, ou sexa tan preciso que non require nengún complemento. Ao que se ve, sobre todo se reparamos na historia recente, aquí o que impera é resistir e a ver se escampa. Porén, a actitude do cardeal Ratzinger é a de exemplarizar que o que importa é a colectividade ao servizo da cal está.

Un dos concertos máis sonados de Ludwig van Beethoven é o de violin e orquestra en re maior, opus 61, que transmite a radio xusto no momento no que se tecen estas liñas. Pois ben, o carácter novidoso da concepción do xenial autor foi subliñar que o importante, aparte da creación, é o conxunto, e que a ambos debe someterse o solista. Velaí por qué este non entra até pasados uns tres minutos, ou sexa un abultado número de compases que neste intre non podemos precisar. A obra é de 1806, e compre agardar que inspire a alguén para que o conxunto pase a primeiro termo.

Comentarios