La dificultad de musicar a Ramón Piñeiro

NA PRIMAVERA de 2008 atopei un cantante lucense saíndo da sucursal de Caixanova na rúa da Raíña. Andaba nervioso, como se calculase feitos inanes, como se o seu equipo ía gañar a Liga ou algo igual de trascendente na súa economía. Confesoume que estaba formulando hipóteses sobre as Letras Galegas.

«Álvarez Bláquez non foi mal homenaxeado», retruquei como se soubese moito sobre o editor e poeta. Miroume como se eu fose o modelo para crear o parvo universal. «A miña preocupación non é este ano, senón o vindeiro», confesou amolado. A seguir, explicoume que os músicos queren que se homenaxee a poetas e que os actores queren dramaturgos. Pola súa banda, os editores prefiren candidatos con moitos libros que reeditar.

Xosé Díaz Castro foi pouco produtivo, aínda que eu tamén preferiría traducir as rendibles novelas de James Bond a escribir versos que habían de chegar a uns poucos.

Un problema fundamental das Letras Galegas é que o beneficiario non é tal, con sorte a familia recibe algunhas regalías.

Como o aproveitamento de Díaz Castro xa foi amortizado este ano, a cultura mira para a última semana de xuño na que a RAG designará o autor do 17 de maio de 2015.O sector cultural agradecería un candidato como Manuel María, con poesía abonda para musicar e dar concertos, e con obras de teatro para representar.

A decisión sempre ten importancia para a nosa industria creativa, pero este ano, estando as empresas, os músicos e os actores en prognóstico reservado, vai revestir grande importancia.

O mércores manifesteille ao editor de Positivas, Francisco Macías, a miña sorpresa de que seguise editando neste marasmo. Remontouse ao día no que o avó lle anunciou que sementarían unha terra para colleitar 40.000 tomates. «E dará tantos?», preguntou Macías. «E logo? O problema non é que os dea, é vendelos».

Falabamos da súa última novidade, a novela pornográfica ‘Intensa e quente é a túa humidade azul’, de Xulio Pardo de Neyra. Non ha ter problema de vendas. Nada como procurar o escándalo na túa cidade se moitos dos teus 100.000 veciños poden identificarte.

Macías equilibrará contas, pero o resto dos editores cruza os dedos soñando cun efecto como o que busca o festival Reperkusión co cartel encabezado por Manu Chao.

O éxito non é problema para o festival de cinema de Cans. O promotor, Alfonso Pato, é home con perspectiva. Eu pegábame a el en Santiago nas noites dos anos 80 nas que quería ligar. Un mestre.

A estética rural do certame comeza a cansar. A veta esgotouna o Bravú. Xurxo Souto soubo matar a tempo a súa criatura. Aínda que ás veces reviva o fenómeno para homenaxealo. Niso anda.

Alfonso Pato anda sobrado de enxeño para formular novamente o evento cinematográfico. Na edición deste ano, exhibirá o trofeo de que Karra Elejalde acoda a un remoto lugar de Galicia entre os próximos días 21 e 24.

Cans faralle unha homenaxe ao bravú con Heredeiros da Crus, que vén sendo coma homenaxear os Beatles cun concerto dos Rolling Stones. As voces da memoria nos chegan tan débiles que os Heredeiros non lembran o que renegaron do bravú. Cando menos, non se complican musicando os poetas.

Na primavera do 2009 volvín atopar o cantante na praza de Santo Domingo. «Sabes que? A Academia dedicoulle as Letras Galegas a Ramón Piñeiro. Nin un ripio de adolescencia se lle coñece!».

(Publicado na edición impresa o 10 de maio de 2014)

Comentarios