Diferenzas no averno

Contoume Fermín Penzol, e así o recollin nunha entrevista que lle fixen, que o detonante que o animou a crear a Fundación que leva o seu nome, foi unha conversa cun libreiro de vello de Madrid -Bordón- con ocasión da venda da biblioteca de Cotarelo Valledor, que os seus herdeiros dividiron e malvenderon. O libreiro, que fora un dos compradores, comentoulle que tamén os seus libros irian parar a eles, ao que o bibliófilo respostou que non sucedería tal. E, efectivamente, así foi como todos sabemos desde hai xa moitos anos. Con todo, segue a ser moi frecuente ainda o caso contrario, como coñecemos aqueles que visitamos con algunha frecuencia estes engaiolantes establecimentos onde, como é doadamente comprensible, aparecen pezas realmente valiosas, outras que só interesan parcialmente, ou en ámbitos moi locais, e algunhas curiosas, xunto con elementos claramente rexeitables.

Un amigo noso, afeccionado a mergullarse na frouma de vellos libros e papeis, localizou e adquiriu un traballo sobre un proxecto mineiro, que non ven ao caso agora, pero que traguía como engadido un mangado de documentos sobre a afiliación e militancia política do personaxe en cuestión, adscrito orixinalmente aos requetés e integrado ao pouco de comezar a guerra na nova organización disposta mediante decreto de Franco como ‘Falange Española Tradicionalista y de las Juntas de Ofensiva Nacional Sindicalista’, no ano 1937.

Trátase do documento de solicitude para a concesión do carnet definitivo, xunto coa declaración xurada sobre a veracidade dos dados que se aportan. Concretamente sobre os antecedentes políticos, pregúntase en qué militaba antes do 14 de abril de 1931, do 16 de febreiro de 1936 e do 17 de xullo do mesmo ano, ou sexa respectivamente as datas de proclamación da República, a victoria da Frente Popular e a da sublevación facciosa. Tamén sobre a afiliación despois desta última data, asi como os actos que realizou «contra o marxismo e a prol do movimento nacional». A seguir figura un texto co xuramento de FET y de las JONS verdadeiramente antolóxico, que comeza xurando por Deus «darme siempre al servicio de España y su Caudillo», palabra esta última en maiúsculas. Hai tamén unha cláusula moi curiosa, aquela que di que rexeitará e non dará por ouvida, calquer voz do amigo ou do nemigo que poida debilitar o espírito da Falanxe. O documento está asinado en maio de 1938, e dubidamos moito de que fora presentado posto que o afiliado, carlista ultramontano, corrixe a máquina varios apartados, engade amplos comentarios críticos cos falanxistas a respeito dos tradicionalistas, e no xuramento antepón un da sua autoría: xura por Deus defender a relixión católica «hasta dar mi vida». Unha proba prática máis do que sempre se soubo: o decreto foi a calzador. Exactamente igual que todos os aspectos reguladores da sociedade.

Comentarios