Diego Martínez Santos: ''A miña idea é volver a España; xa veremos se sigo a intentalo''

É o científico de quen fala todo o mundo. A de Diego Martínez, natural de Foz, é unha historia paradigmática do momento que vive a investigación en España: o mesmo día en que o programa Ramón y Cajal para recuperar cerebros do estranxeiro rexeitaba a súa solicitude, a Sociedade Europea de Física premiouno como mellor físico mozo de Europa.

diego martínez Santos (Foz, 1982) é doutor en Física pola Universidade de Santiago e traballa desde outubro do ano pasado no Instituto de Física de Partículas de Holanda. Este investigador que vén de ser recoñecido como o mellor físico de partículas menor de 35 anos de Europa quere volver a Galicia, e por iso solicitou unha bolsa do programa Ramón y Cajal. Na carta de rexeitamento que recibiu hai uns días, a denegación viña argumentada por motivos como «un nivel de relevancia internacional algo menor que científicos en edades similares a la suya» e engadía que o focego «no ha demostrado todavía claramente su capacidad de liderazgo científica». Cos 30 anos que ten, Diego Martínez participou xa en máis dun cento de proxectos de investigación e pode presumir dun índice H -que é un sistema que avalía a calidade dos científicos- de 26, un dato moi superior ao de outros investigadores coetáneos.

Como foi a súa traxectoria desde Foz ata chegar a Ámsterdam?

Matriculeime en Física na Universidade de Santiago e alí decanteime pola especialidade de física de partículas. Decidín facer a tese en LHCb [que procede das siglas ‘Large Hadron Collider beauty experiment’; é un dos seis detectores de partículas, instalados no Gran Colisor de Hadróns do Consello Europeo para a Investigación Nuclear (CERN), situado no cantón suízo de Xenebra] porque comezaría a tomar datos nos anos seguintes, así que me pareceu interesante. Durante a miña tese, fixen varias estadías no CERN e, unha vez presentada, contratáronme eles por dous anos. Despois, entre as diferentes ofertas que tiña, decanteime por Ámsterdam.

Vostede está a traballar agora en Holanda. Hai unha gran diferencia entre o seu traballo alí e o que se está a facer en España?

Así, a grandes riscos, non. Tanto a Universidade de Santiago como o Nikhef [o Instituto Nacional para a Enerxía Nuclear e a Alta Enerxía Física dos Países Baixos] están no experimento LHCb (entre outros) e, polo tanto, colaboramos.

No que respecta ao premio da Soceidade Europea de Física, presentouse vostede ou os expertos analizan diferentes traballos e elixen o que lles resulta más interesante?

Fun presentado candidato polo director do experimento no que traballo, Pierluigi Campana, e polo coordinador de física, Timothy Gershon.

Con toda a xente que compite, foi algo sorprendente?

Non o esperaba en absoluto. Antes de que mo comunicasen nin sequera sabía que o director e o coordinador presentaran a miña candidatura. Sempre está ben isto porque che axuda a seguir adiante na túa carreira e ábreche portas.

Fíxose vostede célebre porque foi rexeitado para unha bolsa Ramón y Cajal. Que cre que pasou?

Non son eu quen para respostar iso. Xa dixen que, na miña opinión, ese tipo de contratos teñen algo de aleatorio e supoño que algo diso sería, pero non podo dicilo con seguridade. En todo caso, querería dicir que a miña intención é volver a España e gustaríame que fose a Galicia, pero agora non podo respostar... Dentro dun ano veremos se sigo intentándoo.

Gustaríame saber como poñen en común as investigacións do Gran Colisor de Partículas (LHC, polas súas siglas en inglés) científicos que traballan desde unha morea de lugares.

Hai un pouco de todo. Por resumilo un pouco, o meu experimento conta mais ou menos cuns sete grupos de traballo (eu son coordinador dun deles, por exemplo). Cada grupo de traballo encárgase dunha serie de análises máis ou menos relacionadas entre si. E logo, cada unha destas analises está feita por un grupo de xente, de entre tres e vinte persoas, dependendo da complexidade do tema. Logo, se ben algunhas veces somos nós os cordinadores quen lles facemos certas propostas aos diferentes analistas, outras veces son os propios analistas quen veñen con propostas propias. É unha estrutura bastante flexible.

Como se programan os lanzamentos dos feixes de partículas para logo facer o traballo investigador?

O acelerador soe funcionar en ‘runs’ de varias horas, onde tipicamente se producen uns 15 millóns de colisións por segundo. Estas colisións son rexistradas polos detectores (que son aparellos de varios metros, moi complexos), e almaceadas por sistemas informáticos. Logo nós, os analistas, estudamos con calma o que o detector rexistrou.

No seu caso, pareceume entender que investigou a interacción forte e feble entre as partículas elementais. Que achegaron de novo as colisións de hadróns do LHC?

Sabemos que o modelo estándar é un modelo incompleto. Entre outros fallos evidentes, non di nada sobre a gravidade e tampouco lle dá explicación posible á materia escura. Estudios como este que acaban de premiar aportan certa informacion ao respecto. A frecuencia de desintegración que eu estudiei, é sensible, por exemplo, á existencia de máis dun bosón de Higgs, ou de partículas relacionadas estreitamente coa materia escura. Aínda así, dado que a nosa medida está de acordo coa predición do modelo estándar, só podemos concluír que, de existir máis dun bosón de Higgs, ten que ser bastante pesado.

A DIVULGACIÓN 
«En termos de descubrimentos excepcionais no eido da física, o gran público está ao tanto»

este mozo de Foz traballa na vangarda das investigacións científicas e mesmo aborda eidos como a materia escura. «Se a materia escura está orixinada polas partículas chamadas ‘supersimétricas’, tamén se deducen certos límites nas súas propiedades», di.

Fálase moito do bosón de Higgs, pero realmente está o acelerador de partículas aportando moitos outros descubrimentos que o gran público pasa por alto?

En xeral, si. Por poñerche un exemplo, hai unha hora [foi onte á noite] ceei con un colega que descubriu varias partículas compostas nunca observadas antes. O que pasa é que, neste caso, son partículas que estaba claro que ían ser observadas, e non son resultados cunha relevancia comparable á do descubrimento do bosón de Higgs. Así que digamos que, en termos de descubrimentos excepcionais, o público está ao tanto.

A que porcentaxe de funcionamento está agora mismo o Gran Colisor de Hadróns?

Agora mesmo non esta funcionando. Está sendo preparado para un aumento da súa enerxía.

Existe realmente unha certa rivalidade cos seus homólogos do acelerador norteamericano ou é só un rumor?

Foi certo cando o acelerador norteamericano estaba en funcionamento, pero xa pechou de forma definitiva.

Comentarios