Días para gozar entre cañas e peixes

Unhas 300 persoas participaron na Festa da Troita das Pontes, organizada por A Venatoria. O Club de Amigos do Río Parga, que programa a súa gran cita para o primeiro domingo de xullo, estreou unha xornada de pesca de pais e fillos

AS PONTES/GUITIRIZ. A mediados de marzo abriuse a tempada de pesca e con ela os días para gozar entre cañas e peixes. E as sociedades das comarcas de Terra Chá e de Meira e a das Pontes aproveitan para organizar as súas festas e concursos, citas imprescindibles para os amantes da pesca.

Despois da Festa da Troita de Ponte de Outeiro, organizada pola sociedade Amigos do Río Miño, e da de Ribeira de Piquín, promovida polo club Rodeo, foi As Pontes o epicentro troiteiro.

A asociación de caza e pesca A Venatoria celebrou este domingo a súa tradicional Festa da Troita, nunha carpa instalada na Fraga que congregou a unhas 300 persoas dispostas a gozar do peixe, pero a través do padal.

Repartíronse 130 quilos de troitas con liscos de primeiro prato e carne de caza de segundo, cun menú con macrocifras. Cociñáronse 50 quilos de xabarín e outros 50 de cervo. En total, puxéronse fronte aos fogóns seis cociñeiros voluntarios -caras coñecidas doutras edicións- e unha decena de camareiros.

«Máis ou menos os participantes mantéñense. A xente que vén, repite», indicaba Miguel Prieto, membro da directiva da sociedade A Venatoria, a mesma que o día antes da festa, amenizada polo grupo de música Canavella, organizou un concurso de pesca.

«Participaron sete persoas, non foron moitas, pero foi un día bo de capturas», valora Prieto. O primeiro posto foi para Manuel Gómez, con cinco capturas, e o segundo para Ainoa López, a participante do certame máis pequena, que con oito anos conseguiu pescar tres peixes e subir ao podio. No terceiro posto da clasificación quedou Roberto Seijas, con tres capturas, e Miguel Rivas levou o premio á troita maior, un exemplar de 58 centímetros.

O Club Amigos do Río Parga, de Guitiriz, xa ten fixada, pola súa parte, unha nova edición Festa da Troita e a Caza no calendario. Será o primeiro domingo de xullo e, como o ano pasado, esta cita que naceu como unha convocatoria para os socios estará aberta a todos os interesados.

A sociedade de Parga repetirá un día de pesca en familia no tramo do río sen morte para concienciar e divertir aos máis pequenos

Pero mentres se perfila o cartel, o club promove outras actividades. Así, acaba de celebrar a primeira xornada de pesca de pais e fillos no tramo sen morte do río Parga na área recreativa. E participaron catro parellas: Alberte Piñeiro e Miguel Vázquez, Abel Pena e Carlos Torres, Juan e Juan Carlos Vázquez e David e Ángel Vázquez.

«A idea é repetilo en agosto, con máis calor, porque a xornada foi complicada, con moi pouca pesca», di o presidente do club, Fernando Prieto, que indica que aínda así conseguiron 21 escalos, que foron devoltos ao río. «Todos os nenos levaron diploma e trofeo», destaca, e defende este tipo de actividade para fomentar o respecto polo medio ambiente e para animar a novos afeccionados.

Comentarios