Días de música sen pausa

As agrupacións e as escolas de Terra Chá, Meira e As Pontes celebran con decenas de concertos e actuacións ao longo deste mes a conmemoración da súa patroa, Santa Icía
Banda de música de Meira
photo_camera Banda de música de Meira

Como cada novembro, a música invade cada recuncho de Terra Chá, Meira e As Pontes con decenas de concertos e de actuacións. Sen pausa, as notas saen dos pentagramas para conmemorar a súa festividade, Santa Icía. Na honra da patroa, agrupacións e escolas municipais agasallan os oídos de todos aqueles que se queiran sumar á festa dos músicos.

Santa Icía celebrouse con éxito de público esta fin de semana en Meira cun concerto de tres formacións claves da vila, a banda de música, a de gaitas e o grupo de acordeóns. En Vilalba, a música chegou das voces da Coral Polifónica, co seu tradicional concerto no Carmen Estévez, onde o día 28 actuará a Banda de Vilalba.

En Castro de Rei, os alumnos da escola de música ofreceron un recital e, en Cospeito, as protagonistas foron as corais Lembranzas da Terra de Valdoviño, Airiños da Capela e a polifónica municipal Virxe do Monte.

Nas Pontes, a asociación Ruada programou unha vintena de concertos, aos que se sumaron a banda municipal e a xuvenil, os alumnos da escola de música e os do conservatorio, grupos folclóricos e ata algún mestre. A maiores, celebrouse unha gran cea, unha ofrenda floral e unha homenaxe aos primeiros rockeiros ponteses, Pinabetos, un grupo creado a finais dos 60. O programa aínda garda un acto para este venres, unha foliada no Lar.

En Guitiriz, as celebracións arrincaron onte coa actuación do grupo de gaitas da escola municipal en Alume. Hoxe tocarán no centro de día e o mércores haberá animación de rúa cos Trileros. O xoves haberá xogos no PAI e o venres un recital poético-musical na igrexa de San Xoán. O sábado actuará a banda na de Santa María e o domingo, a Coral Xermolos.

Comentarios