Entrevista

Días de festa para recordar os defuntos

Entre concursos de cabazas, fantasmas ou contos de medo son moitos os escolares que celebran nestas datas Halloween e Samaín

No século VIII o papa Gregorio III fixou o 1 de novembro como Día de Todos os Santos e no XII a Igrexa estableceu o día seguinte como Día dos Defuntos, cristianizando as antigas festas pagás en recordo dos mortos que se celebraron durante centos de anos en Europa.

Onte, 1 de novembro, os cemiterios enchéronse de xente que neste día quere honrar os seus defuntos. Pero as tradicións van máis alá e son moitos colexios -así como colectivos veciñais ou incluso bares- os que se suman ás festas para recordar os mortos.

Baixo o nome de Samaín, nun intento de defender as raíces da tradición, ou co anglosaxón de Halloween, organízanse festas e multitude de actividades.

As cabazas, con certames de deseño e todo tipo de exposicións, son as grandes protagonistas de case todas as celebracións. Con caras terroríficas e acendidas cunha candea no interior convertéronse nun dos símbolos destas datas, formando parte de tódalas decoracións, que nalgúns casos se mesturan coas castañas dos magostos, que se unen nalgúns lugares nunha única festa.

No Ceip Aquilino Iglesia Alvariño de Abadín celebraron un concurso de cabazas e dende a Anpa promoveron unha baile de disfraces no que todos os participantes asistiron caracterizados. Bruxas, demos, zombis ou fantasmas formaron parte da festa, os mesmos protagonistas que se deron cita o xoves e o venres nos actos programados polo Ceip Antía Cal de Muras.

Tamén se fixo concurso de cabazas no Ceip Virxe do Corpiño de Begonte, unha exposición no Insua Bermúdez de Vilalba e outra no CPI Virxe do Monte de Cospeito, onde tamén houbo función musical. Así como no Ceip Rosalía de Castro de Pol, no que tamén se lle puxo ritmo á festa con varias actuacións musicais.

No Ceip de Muimenta houbo xogos, un túnel do terror e disfraces e moitas historias de medo, e no Ceip de Bretoña, á exposición de cabazas, sumáronse por segundo ano consecutivo os obradoiros de receitas de Halloween e de maquillaxe terrorífica.

Nas Pontes, foi o Ceip A Magdalena o que se involucrou máis nas celebracións cunha xornada maratoniana con festival de cancións en inglés e en galego, xogos, exposición de cabazas, baile terrorífico de disfraces e a proxección dunha película.

No Ceip Terra Chá, na parroquia vilalbesa de Román, os actos prolongáronse toda a semana cun certame de contos de medo, e en Guitiriz, o Ceip Lagostelle foi un dos que apostou por unir Samaín e magosto nun mesmo día, con exposición de cabazas, xogos tradicionais e castañas asadas.

Tamén o fixeron así no Ceip de Xermade, onde houbo concurso de historias de medo para todos os escolares, obra de teatro e función musical antes da degustación de castañas.

No resto de centros educativos, na maioría, houbo actividades na aula aínda que non se fixese ningún acto para todo o colexio e nalgúns a data retrasouse para facer coincidir a festa coa do magosto. É o caso do Ceip Monseivane de Lanzós, en Vilalba, ou A Fraga ou Santa María, nas Pontes, que celebrarán ámbalas festas o 4 de novembro.

Aparte dos colexios, as escolas infantís tamén se sumaron ás celebracións e incluso algúns institutos, así como espazos infantís coma o centro Picariños das Pontes, que organizou onte unha festa de disfraces con xogos temáticos e desfiles.

Comentarios