Diálogo comigo mesma

NON HAI nada mellor para aceptar que a idade e a ideoloxía fan estragos que ir de compras a un súper.

Se queres facer unha compra racional e levas unha listaxe, é condición previa coñeceres a organización en loxística de distribución do dito súper. Por exemplo, ti levas a lista organizada por alimentos e por artículos de limpeza. Unha lista convencional, un pouco revolta, xa que fuches anotando segundo se producía a necesidade. Craso error. Ao chegares e leres, iso si, cara arriba, os indicadores de grupos de mercadorías, dáste conta de que non se parece en nada á posíbel clasificación da túa listaxe. Ben, primeiro problema. Vas dar máis voltas que un pato mareado. Asumes que hai algo mal feito. A próxima vez traio composta a listaxe segundo esta organización: é fundamental para aforrar tempo e non se marear. Comezamos a compra. E non é fácil. Debo levar os lentes de cerca ou os progresivos porque o traballo principal para esa compra consciente e racional que quero realizar obrígame a ler toda a información que aparece nas etiquetas dos produtos. Letra ás veces diminuta pero de inescusábel leitura se non queres confundir os iogures naturais enteiros cos edulcorados, os de froitas en anacos cos de sabor froita, os que caducan pasado mañá cos que debo comprar, os fabricados na Galiza cos fabricados Deus sabe onde... Debes ler todo porque se pasas algo sen considerares de certo que ao chegares a casa dáste conta dos erros: compraches iogures de soia e quérelos de aloe vera. Tamén debes observar con moito vagar as distintas partes de cada división de produtos porque non aparecen onde ti buscas. Unha vez alguén comprou graxa de porco en lugar de requeixo, pode pasar.

Se seguimos polas froitas e verduras, segue habendo necesidade de ler: é distinto comprar unha leituga de cercanías que unha que veu dando a volta pola Península Ibérica e xa ten, cando lle tiras o forro de plástico, o tronco completamente murcho. A min persoalmente interésame saber se as laranxas son de Valencia, do Algarve ou de Brasil, non porque sexa racista de laranxas senón para non contribuir á insostenibilidade dunha economía utilizadora dun transporte absolutamente irracional.

Pero o máximo da dificuldade de se informar correctamente é cando chegamos ao pescado. Etiqueta posta do revés na caixa, mollada pero lexíbel, e despois do nome do peixe ou molusco ou crustáceo infórmome que é de captura e de seis datos máis, pero procede de Atlántico Noroeste zona Fao 27. Até aí cheguei, ¡que ía ser do Pacífico un pescado que estaba vivo onte!, debo mirar a web da Fao para manter aquel principio da racionalidade e información como deberes do consumidor racional.

Ben pensado e ben mirado, non volvo facer compra racional. Sigo indo á praza de abastos e ás tendas pequenas tanto de proximidade como as especializadas: nesas nunca me equivoco e non me mareo.

Comentarios